UNIÓNS AGRARIAS PRESENTA DENUNCIA POLO INCUMPRIMENTO XERALIZADO DA LEI DE CADEA NO CÁRNICO DE VACÚN

O luns desta semana Unións Agrarias presentou denuncia ante a AICA española e a galega e ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia pola venda a perdas que as industrias galegas están a forzar no sector cárnico de vacún. Cun diferencial de máis dun euro entre o que custa producir un quilo de carne e que as explotacións están a percibir por el; e vista a homoxeneidade duns prezos que, ao igual que acontecía no leite, se lles impoñen a produtoras e produtoras de xeito unilateral e sen marxe para a negociación; a organización agrogandeira entende que hai indicios máis que de sobra para que as administracións e os organismos competentes inicien actuacións, investiguen a fondo e actúen para poñer couto a unhas prácticas que atentan contra a rendabilidade e o mantemento das explotacións cárnicas de vacún do noso país.

Os datos feitos públicos pola Xunta de Galicia, correspondentes a un estudo de custos encargado pola administración autonómica á Fundación Juana de Vega, son a base que sustenta a denuncia realizada por Unións Agrarias. E é que de acordo coas cifras feitas públicas en 2023, tras o forte incremento dos custos de produción que a invasión de Ucraína e a seca trouxeron ao sector produtor, producir un quilo de carne de vacún custaba o ano pasado 7,60€. Porén, o prezo que as explotacións galegas percibiron foi tan só de 6,20€. Pero non se trata dunha situación nova, pois xa en 2022 outro estudo realizado polo mesmo organismo tamén a instancias da Xunta cifraba ese custo de produción en 6,20€; un euro por debaixo dos 5,20€ que daquela cobraron as granxas.

Á marxe das sancións que este comportamento xeralizado e reiterado podería carrexar para as máis de 100 industrias cárnicas que operan en Galicia, Unións Agrarias pretende que a súa denuncia sirva de punto de atención para que as cousas comecen a facerse doutro xeito. E é que, tal e como a organización destacaba hoxe mesmo en rolda de prensa, a capacidade de resistencia do sector produtor atópase xa ao límite.

Unións Agrarias entende que agora, co sector produtor na rúa, é o momento para informar e sensibilizar á sociedade sobre a situación real das explotacións, que non se teñen beneficiado do aumento do PVP dos alimentos que as persoas consumidoras levan máis dun ano padecendo. Asímesmo, considera que a sentenza emitida pola Audiencia Nacional, que hai unha semana ratificaba a existencia do cártel do leite e o delito cometido polas industrias lácteas por pactar prezos á baixa, senta un precedente positivo que pode servir de pulo para conseguir que as cousas comecen a facerse doutro xeito tamén no cárnico.

A analoxía existente entre todos os contratos asinados entre industrias cárnicas e explotacións en Galicia evidencia a ausencia de negociación colectiva que está a darse no sector. Por iso, Unións Agrarias reclama que todas as industrias englobadas dentro de Asogacarne sexan investigadas e insta ás administracións a habilitar a xa tan demandada figura do mediador. “Non pretendemos que se sancione a ninguén, senón que se constate a realidade que tanto tempo levamos denunciando e que as administracións activen os mecanismos pertinentes para frear este tipo de comportamentos que impiden que as gandeiras e gandeiros cobren prezos xustos polas súas producións”.

Dentro da IXP Ternera Gallega comercialízanse anualmente 60.000 becerros dunha media de 200 quilos. Unhas cifras que elevan ata os 12 millóns de euros ao ano o diferencial entre os custos de produción que soportan as explotacións e os ingresos que perciben polo seu traballo. Unhas cifras ás que habería que sumar as correspondentes ao 30% da produción que se comercializa á marxe da Indicación Xeográfica Protexida.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias