UNIÓNS AGRARIAS RECLAMA MODIFICACIÓNS NA PAC QUE SOLUCIONEN OS PROBLEMAS DO SECTOR DA PATACA

As actuais condicións están a lastrar a produción deste tubérculo, e tamén a de cereal, na zona da Limia

Santiago, 1 de marzo de 2024.- Unións Agrarias esixirá que os problemas do sector da pataca sexan tidos en conta na modificación da PAC que a organización está a negociar estes días co Ministerio de Agricultura. A organización entende que a casuística concreta que afecta a estes produtores debe ser atendida no paquete de medidas co que o goberno central pretende dar resposta e atallar as protestas que agricultores e gandeiros están a impulsar na rúa; e nos vindeiros días trasladará a Madrid as súas peticións ao respecto.

A falla de terreos de cultivo suficientes e os requisitos que a Política Agrícola Común impón a día de hoxe están a supoñer un lastre para a produtividade do sector da pataca, de especial relevancia na comarca da Limia, así como para o do cereal. Unha casuística que Unións Agrarias esixirá sexa atendida polo Ministerio de Agricultura na modificación da PAC que, nestes días, a organización está a negociar en Madrid.

Unións Agrarias xa ten dado forma a unha táboa reivindicativa, acordada trala celebración este xoves dunha reunión sectorial con produtores da zona da Limia. Con ela solicitará unha modificación da PAC adaptada ao sector da pataca que inclúa cambios no Eco-Rexime de Rotación, cuxos actuais requerimentos no que a periodicidade obrigatoria e porcentaxes reservadas a leguminosas e especies mellorantes están a ser fortemente cuestionadas polo sector produtor polas dificultades que o seu cumprimento, nas actuais condicións, implica.

Unións Agrarias lembra que, debido á limitación que os produtores galegos padecen no que acceso á terra se refire resulta imposible cumprir coa rotación  obrigatoria cada catro anos que establece a BCAM7, que reclamará sexa eliminada. E solicitará tamén que os pastos de menos de cinco anos sexan considerados como cultivo plurianual e queden exentos da obriga de rotación. Do mesmo xeito, a organización reclamará tamén que se permita o emprego de nabos como especie mellorante válida debido ás dificultade que o cultivo de leguminosas supón debido ás condicións climáticas e edafolóxicas de Galicia. “Propomos que se permita a utilizaición destas crucíferas, xa que tamén farían un aporte de nitróxeno importante para o solo e axudarían á redución de nematodos, podendo mellorar a produción de pataca na zona”.

A organización tamén solicita que o 4% de barbeito obrigatorio pase a ser voluntario, así como que se reduza o número de fotos xeoreferenciadas actualmente esixido durante a campaña.

No que respecta ao Eco-Rexime de sega, tal e como demandan os produtores de pataca da Limia Unións Agrarias reclamará a modificación do período de non aproveitamento para que poida ser solicitado por explotacións que non posúan animais.

Tamén esixirá a non eliminación das Zonas distintas de montaña que deixarían fóra a moitos Concellos galegos. Así como a prórroga do tempo permitido para o almacenamento de esterco ao aire libre antes da súa aplicación, e a revisión dos prezos e os rendementos dos seguros agrícolas. Neste eido lembra que o coeficiente de rendemento por hectárea asignado polo Ministerio non se axusta á realidade produtiva da zona da Limia, onde é moi superior ao doutras áreas e cultivos do estado.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias