UNIÓNS AGRARIAS ADVIRTE DO MALESTAR DOS USARIOS DO REXISTRO DE AVES DE CURRAL POLO USO EXCLUSIVAMENTE TELEMÁTICO DAS COMUNICACIÓNS DA XUNTA AOS SOLICITANTES

Santiago, 26 de marzo de 2024.- Unións Agrarias está a recibir estes días queixas dos seus asociados polo funcionamento do “Rexistro de explotacións avícolas de autoconsumo” posto en marcha pola Consellería de Medio Rural. E é que os propietarios de aves de curral para autoconsumo que optaron pola opción de comunicación “por correo postal” para as comunicacións coa administración relativas a este trámite están a recibir respostas da Consellería a través dun buzón dixital en lugar de mediante correo ordinario, tal e como tiñan solicitado. Unha situación que se repite en distintas comarcas e que está a crear malestar, sobre todo entre as persoas maiores que non entenden como despois de toda unha vida producindo os seus ovos ou polos na casa se atopan agora coa obrigatoriedade de “legalizar” os seus currais baixo ameazas de multa e por medios electrónicos alleos ás súas posibilidades.

Unións Agrarias pide á Consellería de Medio Rural que inste ás oficinas de extensión agraria que non están a utilizar o correo postal para as comunicación cando así lles foi solicitado procedan a utilizar este sistema. Algo perfectamente esixible polo usuario, xa que se trata de persoas físicas e non xurídicas.

Fontes de varias oficinas de Extensión Agraria que utilizan exclusivamente o sistema dixital de comunicación co solicitante recoñeceron que “carecen de infraestrutura” para responder vía correo postal, motivo polo que están a enviar as notificacións dixitalmente a aquelas persoas que axudaron aos seus veciños a presentar a solicitude empregando a súa identidade dixital.

Unións Agrarias reitera o seu rexeitamento, tanto ao Rexistro de produtores de autoconsumo como ás formas da Consellería de Medio Rural no que ten que ver coa súa posta en marcha. Para a organización agrogandeira non é de recibo que a administración teña empregado como “policías” intermediarios ás tendas agrarias, ás que ten prohibido vender aves de autoconsumo para o sustento familiar a aqueles particulares que non presenten o REGA no momento da compra das aves. Unha esixencia de dubidosa legalidade ao non tratarse de relacións comerciais entre empresas e ao non responder a ningún procedemento regrado, nin constar en ningunha orde por escrito salvo comunicación verbais dos inspectores da Xunta aos propietarios das tendas, aos que se ten ameazado con sancións mínimas de 6000 euros en suposto cumprimento da Lei de Sanidade Animal.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias