UNIÓNS AGRARIAS RECLAMA UN PLAN DE COMERCIALIZACIÓN PLURIANUAL PARA TERNERA GALLEGA QUE SOLVENTE O COLAPSO DO MERCADO LOCAL

Santiago, 27 de marzo de 2024.- Unións Agrarias insiste na necesidade de dar forma a un plan de comercialización ambicioso e a varios anos que aporte solucións aos evidentes problemas de colapso que padece o mercado local de carne de vacún. A organización agrogandeira volve facer un chamamento para que Xunta de Galicia e IXP vaian da man para buscar novas vías que permitan revalorizar e dar saída á carne de Ternera Gallega, cuxas ventas se atopan nestes momentos estancadas debido ao desaxuste entre oferta e demanda.

A pesar de que o número de becerros que entraron nos matadoiros galegos no último mes disminuiu case un 2% respecto ao mesmo período do ano anterior (12.947 animais de Suprema, 224 menos que en marzo de 2023), nestes momentos o exceso de carne de tenreira galega ten colapsados os matadoiros de Galicia, incapaces de colocar no mercado o volume de becerros producidos polas explotacións de Ternera Gallega. O problema non é novo, pois Unións Agrarias leva xa tempo alertando dos signos de saturación que o mercado local viña dando e da necesidade de buscar novas vías para darlle saída á carne de Suprema; unha produción top que está a verse devaluada por estas dinámicas.

A organización insta á Xunta de Galicia a mudar os criterios na concesión de axudas ao sector, que no último exercicio a administración autonómica vinculou ao número de becerros comercializados ao amparo da IXP Ternera Gallega. E é que os problemas que Unións Agrarias xa augurara no seu día debido a este deseño están a confirmarse agora, coa resistencia dos produtores a recorrer a mercados foráneos, como o asturiano, para dar saída ao exceso de produción. Unha práctica antes habitual e que supoña un importante desafogo á hora de dar saída á produción en momentos de saturación como o actual, á que agora as explotacións se resisten a seguir recorrendo para non perder o dereito á axuda da Consellería. Nese senso, Unións Agrarias lamenta o mal enfoque desta liña de apoios; benintencionada, pero inútil debido ao seu mal deseño e plantexamento.

Unións Agrarias fai un chamamento para que os esforzos que xa se realizaron no pasado coa creación da Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico non caian en saco roto e se traduzan en medidas concretas e accións promocionais que fagan posible a apertura de novos mercados para a carne galega. Máis concretamente a de Suprema; un produto gourmet producido baixo uns altísimos parámetros de calidade e benestar animal que está a verse devaluado debido á incapacidade do mercado galego de absorver e remunerar adecuadamente o volume de produción existente.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias