Unións Agrarias reivindica a importancia da formación, o intercambio de coñecemento e a visibilización como ferramentas para favorecer o relevo xeracional no sector produtor. Obxectivos que persegue o Programa Cultiva; unha iniciativa do Ministerio de Agricultura coa que a organización leva varios anos colaborando e que nesta edición trae a Galicia a mozos de Cáceres e Canarias.
Dende este luns o gandeiro cacereño Antonio Pérez, de 25 anos de idade, atópase en Oza-Cesuras para aprender da experiencia de Labrecos; unha cooperativa de agricultura ecolóxica rexenerativa e circular con outros tres mozos aos mandos.
Hai xa máis dunha década que os irmáns Aitor e Iván Lata se puxeron á fronte dunha explotación na que a actividade agrícola e a gandería se complementan, e á que máis recentemente se incorporou tamén Raquel García. Todos eles aínda na trintena e cargados de ilusión e ganas de impulsar o seu proxecto de vida ligado ao medio rural e á produción de alimentos sustentable.
Ata as instalacións de Labrecos achegáronse este mércores o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, para coñecer de preto a experiencia formativa Cultiva acompañados polo responsable de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións Agrarias, Félix Porto, e técnicos da organización anfitriona.
Unións Agrarias destacou a importancia de que as administracións se involucren e tomen parte a favor da formación e a aposta polo relevo xeracional no sector produtor. Así como para conseguir trasladar á mocidade a multitude de posibilidades diferentes que lles ofrece a actividade agrogandeira.
Unións Agrarias lembrou a necesidade de traballar para fomentar o relevo xeracional nun sector produtor no que o 70% das explotacións teñen persoas de máis de 55 anos á fronte. Unha realidade preocupante que fai necesaria unha aposta decidida das administracións.
Tanto o mozo visitante como os responsables da explotación acolledora desta estancia expresaron a súa satisfacción pola experiencia e agradeceron a posibilidade de formarse e coñecer outros xeitos de traballar que lles ofrece o Programa Cultiva.
A que esta semana se desenvolve en Oza-Cesuras é a primeira das estancias formativas Cultiva que se realizarán este ano en Galicia. A segunda delas terá lugar na Mezquita o vindeiro mes.