Toledo, 16 de maio de 2024.- Unións Agrarias leva a voz e as reivindicacións das explotacións galegas ao Foro de Diálogo de Gandería Extensiva en España que se celebra en Toledo o xoves 16 e o venres 17. A organización participa no encontro, convocado e coordinado polo Ministerio de Agricultura en colaboración coas organizacións profesionais agrarias, cooperativas agroalimentarias e Comunidades Autónomas, no que avogará pola potenciación, recoñecemento e posta en valor do imprescindible papel que este sector desenvolve, tanto no eido social como no económico e o ambiental.
Identificar problemas e necesidades e poñer sobre a mesa solucións e medidas concretas que permitan dotar de viabilidade e futuro á gandería tradicional en extensivo é o obxectivo do Foro que dende hoxe se celebra en Toledo. Un punto de encontro e diálogo xurdido a raíz do compromiso acadado polo Ministerio no acordo asinado coa Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos da que forma parte Unións Agrarias.
En liña co que leva tempo demandando, a organización agrogandeira aproveitará o encontro para poñer sobre a mesa as singularidades e as necesidades concretas das explotacións de carne galegas. Un sector tradicional vital na loita contra o despoboamento e a fixación de poboación nas áreas demograficamente máis sensibles de Galicia que, ademais, desenvolve unha función ambiental que debe ser recoñecida, potenciada e premiada.
En liña con iso, Unións Agrarias demanda a creación de axudas específicas para o modelo de gandería familiar, maioritario neste sector produtor. Así como o recoñecemento e valorización do papel medioambiental que este desenvolve mediante a creación de incentivos para unha actividade que é unha ferramenta recoñecida e eficaz de xestión da paisaxe, conservación da biodiversidade, prevención de incendios e mitigación do cambio climático.
A organización tamén aproveitará as dúas mesas de traballo (sobre viabilidade das explotacións e sanidade animal) abertas neste Foro para incidir na necesidade de seguir avanzando na redución das cada vez meirandes esixencias burocráticas que asfixian a gandería. Nese senso, Unións Agrarias agarda conseguir a eliminación definitiva do veterinario de explotación, unha figura que nada aporta no que ten que ver co benestar animal e a seguridade alimentaria e que unicamente ven aumentar as trabas e custos das explotacións.