Santiago, 18 de maio de 2024.- Unións Agrarias valora positivamente o anuncio do Ministerio de Agricultura de implantación voluntaria da figura do veterinario de explotación, pero pide a súa supresión definitiva pola carga administrativa para as pequenas explotacións gandeiras. Desde a organización agraria lémbrase que este avance vén derivado dos acordos acadados entre a organización, a través da Unións de Pequeños Agricultores (UPA) e o Goberno logo das mobilizacións do pasado mes de febreiro, e insiste na necesidade de que o goberno central dea carpetazo de xeito definitivo a unha figura que nada aporta no que ten que ver co benestar animal e a seguridade alimentaria, e que unicamente ven aumentar as trabas e custos das explotacións.
Unións Agrarias aproveitou o Foro estatal de Gandería Extensiva celebrado en Toledo para reclamar un maior esforzo inversor na gandería de vacún de carne polo seu valor na xestión do territorio, a conservación da biodiversidade, a prevención de lumes e a mitigación da mudanza climática mediante a creación de axudas específicas. A organización valora positivamente o avance acadado no que ten que ver coa posta a disposición das granxas da vacina da EHE, anunciada para despois do verán. Porén, lembra que a incidencia desta enfermidade nos animais xa ten suposto importantes perdas para as explotacións, polo que solicita un maior concurso inversor a toda as administracións para poder atallala e facer fronte ás súas consecuencias canto antes.
No mesmo capítulo, Unións Agrarias tamén valora de xeito positivo a flexibilización anunciada polo Ministerio nas campañas de detección de tuberculose bovina pola súa baixa prevalencia nas ganderías e insiste na necesidade de axilizar o pago das indemnizacións ás granxas afectadas por un baleiro sanitario.
Finalmente, Unións Agrarias demanda a creación de axudas específicas para o modelo de gandería familiar. Así como o recoñecemento e valorización do papel medioambiental que este desenvolve mediante a creación de incentivos para unha actividade que é unha ferramenta recoñecida e eficaz de xestión da paisaxe, conservación da biodiversidade, prevención de incendios e mitigación do cambio climático.