UNIÓNS AGRARIAS INSTA Á XUNTA A ACOMPAÑAR E COMPLEMENTAR OS APOIOS DO MINISTERIO Á GANDERÍA

Demanda a urxente actualización e homoxeneización das subvencións por animais mortos, tendo en conta o lucro cesante

Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia poña as pilas e active canto as medidas necesarias para complementar os apoios anunciados polo Ministerio para a gandería. A organización insta á administración autonómica a dar un paso á fronte e a cumprir coa parte que lle toca para que este sector produtor poida contar co apoio que precisa. Algo que pasa por unha acción coordinada entre a administración estatal e a autonómica no que ten que ver con temas como a vacinación da EHE ou os seguros agrarios. Pero tamén porque o goberno galego se comprometa coa promoción da carne galega e cumpra dunha vez con asuntos capitais para o funcionamento da Lei de Cadea aínda pendentes, como a activación do Observatorio de Custos.

Non pode ser que un gandeiro galego afectado por ataque de lobo cobre menos da metade de axuda que un de Castela e León. Nin tampouco que o valor da vaca varíe dependendo de se esta morre por esta causa ou dunha doenza como a enfermidade hemorráxica epizoótica ou a tuberculose. Se xa resulta difícil de entender e aceptar a diferenza existente entre as subvencións dunhas e outras Comunidades Autónomas, menos comprensible aínda é o feito de que a valoración do animal morto sexa varíe dentro da propia Xunta, dependendo de se a responsable do pago é a Consellería de Medio Ambiente ou a do Medio Rural. Pero é o que acontece a día de hoxe. Unha realidade ante a que compre actuar e que Unións Agrarias insta a correxir sen demora.

Logo dos apoios anunciados polo Ministerio de Agricultura para a gandería despois do Foro celebrado en Toledo a semana pasada, Unións Agrarias lembra que o respaldo que o sector precisa non depende só de Madrid. Así, a organización fai un chamamento para que o goberno galego deixe de botar balóns fóra e cumpra coa parte dos deberes que lle toca.

A organización considera que xa ten transcorrido tempo suficiente desde as eleccións autonómicas para que o novo goberno teña tomado posicións, e insta ao presidente da Xunta a porse á fronte das negociacións necesarias para que a gandería galega non quede atrás.

Unións Agrarias demanda a actualización e homoxeneización das subvencións por animais mortos: dentro de Galicia, para que a causa da morte non supoña diferenza, e no conxunto do estado. Ademais, insta á Xunta a cubrir o lucro cesante causado pola perda destes animais. Un aspecto que ata o de agora non tivo en conta e que xa está a ser subvencionado por outras Comunidades.

Unjóns Agrarias un chamamento para que as administracións estatal e autonómica vaian da man para impulsar a contratación de seguros agrarios mediante a ampliación das achegas que estas realizan aos mesmos. Pero tamén cun redeseño dos criterios que non desincentive a súa contratación e que garanta unha cobertura homoxénea.

A organización lembra tamén os problemas que xa se rexistraron na última campaña de saneamento gandeiro pola falla de efectivos suficientes para acometer en tempo e forma a campaña de vacinación da lingua azul. Un precedente que fai temer máis problemas unha vez que a vacina da EHE, anunciada polo Ministerio para despois do verán, veña a sumarse ás xa existentes. Nese senso, Unións Agrarias insta ao goberno galego non só a complementar os 15 millóns de euros anunciados por Madrid para esta finalidade, senón a traballar dende xa para poder contar con medios humanos e técnicos suficientes para a administración da vacina chegado o momento.

Alén de todo isto, Unións Agrarias insta tamén á Xunta de Galicia comunicar canto antes se renova a axuda para o sector de carne de vacún que no último exercicio a administración autonómica vinculou ao número de becerros comercializados ao amparo da IXP Ternera Gallega e a mudar os seus criterios de concesión. E é que os problemas que Unións Agrarias xa augurara no seu día debido a este deseño están a confirmarse, debido á resistencia dos produtores a recorrer a mercados foráneos, como o asturiano, para dar saída ao exceso de produción existente. Unha práctica antes habitual e que supoña un importante desafogo á hora de dar saída á produción en momentos de saturación, á que agora as explotacións se resisten a seguir recorrendo para non perder o dereito á axuda da Consellería. Nese senso, Unións Agrarias lamenta o mal enfoque desta liña de apoios; benintencionada, pero inútil debido ao seu mal deseño e plantexamento.

Unións Agrarias fai un chamamento para que os esforzos que xa se realizaron no pasado coa creación da Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico non caian en saco roto e se traduzan en medidas concretas e accións promocionais que fagan posible a apertura de novos mercados para a carne galega. Máis concretamente a de Suprema; un produto gourmet producido baixo uns altísimos parámetros de calidade e benestar animal que está a verse devaluado debido á incapacidade do mercado galego de absorver e remunerar adecuadamente o volume de produción existente.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias