UNIÓNS AGRARIAS RECLAMA SOLUCIÓNS PARA AS PRODUCIÓNS DA LIMIA, PARALIZADAS POLO ANEGAMENTO DAS TERRAS DE CULTIVO

Ante os controis de campo que están a realizarse estes días, fai un chamamento á prudencia e insta á administración a ter en conta a excepcionalidade climática que afecta á zona

Xinzo, 23 de maio de 2024.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar con prudencia e responsabilidade ante a situación excepcional que afecta aos agricultores da Limia. En vista das comprobacións sobre o terreo que nos últimos días están a realizarse na zona, a organización agrogandeira fai un chamamento para que a administración autonómica teña en conta os problemas que os produtores de pataca e cereal están a atravesar este ano debido ao elevado volume de precipitacións.

Unións Agrarias incide non só na necesidade de que a excepcionalidade climática que afecta á comarca da Limia sexa tida en conta no que ten que ver coa PAC e a imposibilidade de cumprir cos requisitos dos Eco-Reximes; senón tamén na urxencia de que a Xunta dea un paso adiante e se implique para buscar solucións que axuden aos produtores a paliar a nefasta campaña de cereal que afecta á comarca. Unha situación que podería estenderse tamén á pataca.

Debido ás intensas choivas que afectaron á Limia nos últimos meses, a día de hoxe a meirande parte das terras de cultivo dedicadas a cereal e pataca seguen anegadas pola auga. Unha situación que impide non só o acceso ás mesmas, senón o comezo da sementeira.

Tras un inverno no que os agricultores da zona apenas puideron sementar cereal debido á meteoroloxía, a situación non ten mudado na primavera, pois as parcelas seguen asolagadas e a sementeira que xa debera terse realizado ten sido imposible de acometer.

Unións Agrarias faise eco do nivel de preocupación existente entre os produtores da zona. Unha alarma que aumentou nos últimos días en vista dos controis de campo realizados por técnicos da administración. Unhas comprobacións sobre o terreo que a organización confía e agarda sirvan unicamente para constatar a grave situación que atravesan estes agricultores e que se convirta en punto de partida para a procura das solucións que o sector precisa.

As perdas previstas pola excepcionalidade climática deste ano son elevadas e de gran importancia para unha zona que, alén da pataca, ten no cultivo de cereal un pilar fundamental para a súa actividade agraria; con máis de 10.300 hectáreas dedicadas á plantación de cereais de gran, cultivos forraxeiros e leguminosas e uns rendementos que, nun ano normal, oscilarían entre os 3500 e 4000 quilos de produción por hectárea.

Unións Agrarias considera indispensable que a excepcionalidade climática deste ano se traduza na flexibilización dos requerimentos PAC para que a imposibilidade de cumprir coas porcentaxes de barbeitos e cultivo de especies mellorantes que marcan os Eco-Reximes non exclúa aos produtores da zona do acceso a estes fondos.

A organización agrarias considera indispensable que as administracións actúen con sensibilidade e eviten a dobre penalización económica que suporía para os agricultores da Limia non poder acceder aos fondos vinculados ao cumprimento das directrices da Política Agraria Comunitaria. Asímesmo, solicita a aprobación dunha liña de axudas directas que permita compensar o desplome da produción provocado pola choiva nesta campaña.

As condicións dos seguros agrarios existentes para cultivo de cereal fan que, na Limia, o nivel de cobertura sexa practicamente nulo. E é que, cunhas pólizas deseñadas de acordo aos rendementos medios de zonas de secano como Castela e que deben ser actualizadas con urxencia, os agricultores galegos desisten de recorrer a uns seguros que non lles aportan garantías, pois deixan fóra máis do 80% da súa produción.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias