UNIÓNS AGRARIAS DENUNCIA OS COBROS REALIZADOS POLA TESOURERÍA DA SEGURIDADE SOCIAL A TRABALLADORES DE BAIXA

Unións Agrarias denuncia o cobro inmoral practicado con alevosía e nocturnidade pola Tesourería da Seguridade Social a traballadores autónomos que entre xaneiro de 2019 e maio de 2021 pasaron por un período de incapacidade temporal por enfermidade. A día de hoxe son 160 os profesionais do sector agrogandeiro que teñen recorrido aos servizos xurídicos da organización pola retirada das súas contas bancarias de contías que oscilan entre os 400 e os 7.500 euros. Un “atraco” que debe ser correxido, e que se perpetúa de acordo a unha interpretación da norma que xa non se atopa en vigor, tras ter sido correxida o ano pasado.

As contías que a Tesourería da Seguridade Social ten retirado das contas das persoas afectadas correspóndense coas cotas de autónomos impagadas durante os períodos de baixa médica destes traballadores. E é que no seu día ese mesmo organismo paralizou os cobros por entender que a partir do día 61 de incapacidade temporal do traballador ou traballadora era a mútua correspondente quen debía facerse cargo deses pagos. Porén, e tras a manifesta discrepancia destas aseguradoras a asumir esas contías, a Seguridade Social escolleu a vía curta para optar por poñer ao día as súas contas sustraendo os fondos pendentes de pago das contas bancarias dos traballadores afectados.

O ilícito desta actuación xa ten sido ratificado e conta con precedentes xudiciais, logo de que a xustiza dese a razón á persoa afectada nun dos recursos presentados. Porén, lonxe de tomar nota ou dar marcha atrás nos últimos meses a Tesourería da Seguridade Social envía un novo embiste en forma dunha segunda tandada de reclamacións, cuxo cobro se fará efectivo o 31 deste mes de maio.

Unións Agrarias condena un proceder indignante e inmoral: por quen o perpetra (a administración, que debera velar polo benestar da cidadanía) e polos suxeitos contra os que os dirixe (traballadores de baixa por enfermidade necesitados de apoio). Así as cousas, a organización xa ten solicitado unha reunión urxente co responsable da Tesourería da Seguridade Social para esixir unha rectificación e evitar que esta nova vaga de reclamacións se faga efectiva.

Unións Agrarias lamenta ademais os métodos empregados. E é que a Seguridade Social ten feito uso da comunicación telemática como método de comunicación, o que ten levado a que moitas das persoas afectadas nin sequera se enterasen a tempo do motivo da retirada de efectivo realizada na súa conta. “Non nos parecen correctas nin as formas nin o fondo. O fondo porque non teñen razón, e xa a xustiza así o dictaminou nun dos contenciosos administrativos interpostos. E na forma porque todos sabemos como funcionan as comunicacións telemáticas no rural, as idades dos profesionais do sector agrogandeiro e a deficiente cobertura dixital coa que conviven. Por non falar do impacto que supón para un traballador a retirada de golpe dunha contía deste volume, sen posibilidade de reclamación nin de fraccionamento de pago”.

“Estamos ante un procedemento indignante e inmoral, máis grave aínda habida conta de que nalgúns casos estase reclamando o pago de cotas que xa están prescritas”, condena a organización, que esixe a paralización do procedemento e a devolución dos fondos retirados.

Unións Agrarias condena o afán recadatorio inxustificable amosado pola Tesourería da Seguridade Social; máis aínda sendo conscientes do que está sucedendo no sector agrogandeiro e da situación na que se atopan estes traballadores debido aos baixos prezos e a suba de custos, e tratándose ademais de persoas necesitadas dun apoio extra por atoparse nunha situación de incapacidade temporal. Nese senso, a organización lamenta a situación de indefensión na que a Tesourería da Seguridade social coloca aos autónomos afectados, aos que anima a asesorarse e a recorrer aos servizos xuríficos de Unións Agrarias para recuperar os seus cartos.

Se ben son 160 os traballadores autónomos afectados por esta problemática dos que Unións Agrarias ten coñecemento directo, estamos ante unha situación que pode afectar a un número moi superior de galegas e galegos, pois a casuística é aplicable a todas as persoas autónomas que entre xaneiro de 2019 e maio de 2021 pasasen por un período de incapacidade temporal.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias