UNIÓNS AGRARIAS PIDE CONTROL CONTINUO SOBRE O CORZO E O XABARIL NO RIBEIRO

Preocupación dos produtores ante os continuos avistamentos no inicio da tempada da viña

Ourense, 28 de maio de 2024 – Unións Agrarias está a recibir nas súas oficinas comarcais a preocupación da súa afiliación na zona do Ribeiro polos avistamentos constantes de corzos e xabarís entre os cultivos e os viñedos. Unha situación que augura problemas de cara á campaña que se inicia, de non tomarse medidas preventivas e disuasorias pertinentes.

A alarma dos produtores dáse en zonas como Carballeda de Avia, Leiro e Beade. Neste último concello as zonas de viñedo e os seus arredores son terreos sometidos a réxime cinexético común ou zonas libres de caza, aqueles que a vixente Lei 13/2013 de caza de Galicia clasifica como tales cando non están xestionados por ningunha Sociedade de Caza baixo a figura de Terreo Cinexéticamente Ordeado ou TECOR. Así as cousas, Unións Agrarias lembra que nesa zona a responsabilidade do control de poboación do xabaril e dos danos que este produza nos cultivos corresponde á Xunta de Galicia, se ben a xestión efectiva se apoia a maior parte das veces nas iniciativas e colaboración dos cazadores locais.

Por todo iso Unións Agrarias demanda da Consellería de Medio Ambiente a planificación de medidas de control de poboación e de danos nestas zonas libres, de xeito que se poida ir por diante dos máis que previsibles danos que se van repetir no viñedo.

A fin de trasladar a situación concreta e establecer un plan racional de traballo coordinado, Unións Agrarias ven de solicitar unha reunión de traballo coa Xefatura de Servizo de Patrimonio Natural da Delegación Provincial de Ourense.

A produción de uva en Ourense é unha das últimas principais actividades agrarias que xestionan o territorio na provincia, toda vez que xa non existe apenas produción de leite, e a de carne diminúe ano a ano, así como a actividade forestal, que apenas supón o 5% do conxunto de Galicia. Por elo é fundamental coidar a produción de uva e velar pola rendibilidade destas explotacións de cara ao futuro inmediato para evitar o abandono e axudar así na prevención do lume e a protección do territorio.

Unións demanda igualmente da Xunta de Galicia un esforzo na coordinación e autorización de accións de caza puntuais a requirimento dos agricultores e gandeiros afectados por danos no momento en que estes sexan detectados ou cando exista un risco certo de ocorrencia nos cultivos. Especialmente autorización de esperas ou batidas extraordinarias de ser o caso.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias