Santiago, 30 de maio de 2024.- O xulgado nº2 de Betanzos vén de condenar á empresa INLEIT a pagar 3.736 euros máis intereses legais e as costas xudiciais por alterar unilateral e inxustificadamemte os acordos sobre o prezo recollidos no contrato que a láctea tiña coa Gandería Fornos de Castroverde (Lugo). Na sentenza desmóntase todas as escusas da empresa para reter parte dos ingresos que debía liquidar coa citada granxa, e queda patente que nin a pandemia da Covid 19 nin as obras na pranta industrial de INLEIT supuxeron motivo para que a empresa deixara de cumprir cos acodos subscritos no contrato.
Dase a circunstancia de que esta industria situada en Curtis (A Coruña), xa foi sancionada por este mesmo tipo de prácticas noutra demanda presentada pola explotacición A Campiña de Portomarín (Lugo). En ambas ocasións o asesoramento xurídico veu da man de Unións Agrarias, cuxo secretario de Coordinación Sectorial, Felix Porto, opina que “a gravidade das accións desta empresa para alterar o prezo do leite en orixe debería supoñer unha acción exemplificante, contundente e inmedita por parte da Xunta de Galicia para impedir que INLEIT teña acceso a axudas de diñeiro público”.
Para a organización agraria resultan especialmente rexeitables as accións intimidatorias levadas a cabo por esta industrias contra os produtores, aos que chegou a demandar en base a falsidades co ánimo de que non acudisen ao xulgado para reclamar os seus dereitos, tal e como agora recoñece a sentenza emitida.
Unións Agrarias fai un chamamento á Consellería do Medio Rural para que vixíe o comportamento comercial de determinadas empresas transformadoras do sector lácteo, que desde hai máis dun ano están a forzar baixadas nas cotizacións do leite en orixe e que xa acumulan un montante de 14 ctms/l desde marzo de 2023. Unhas caídas completamente inxustificables, nin polos prezo que pagan tanto os consumidores nos lineais de supermercado como as fábricas polos derivados industriais. Neste contexto, a organización traslada a alarma polas ofertas que neste momento están chegando ás granxas dunha nova caída de 2 ctms/l (o que suporía unha redución acumulada de 16 ctms/l nos últimos 14 meses). Unha nova imposición realizada de xeito unilateral polas industrias que, unida aos avisos de abandono da recollida de leite ás explotacións con estabulación trabada, supón feitos moi preocupantes para a viabiliadade de moitas ganderías de Galicia.
Finalmente UUAA, agarda que logo desta nova condena INLEIT abandone unhas prácticas comerciais completamente tóxicas para o sector lácteo galego e non trate de recurrir unhas sentenzas tan contundentes e clarificadoras como as presentes.