UNIÓNS AGRARIAS INSTA Á XUNTA A ACTUAR PARA FREAR A NOVA REBAIXA DO PREZO DO LEITE ANUNCIADA POLAS INDUSTRIAS

As sucesivas baixadas impostas no último ano supoñen un recorte do 30% no prezo do leite en orixe e afastan a Galicia da media española e asturiana

Santiago, 4 de xuño de 2024.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a dar un paso á fronte e intervir para poñer couto á devaluación do prezo do leite que as industrias lácteas están a impoñer en Galicia. Unha situación insostible para a rendabilidade do sector produtor galego que nestes momentos supón xa unha redución de 14 céntimos/litro no último ano, e aos que habería que sumar o novo recorte de 2 céntimos anunciado para a renovación de contratos de agosto.

No mes de abril o prezo que as granxas galegas cobraron por litro de leite situouse nos 0,4630 €. Unha tarifa que, de perpetrarse a nova rebaixa anunciada polas industrias para a renovación de contratos de agosto, apenas superaría os 44 céntimos/l; moi por debaixo dos 48,8 nos que se sitúa a media española e máis aínda dos 53,4 que perciben os gandeiros asturianos.

Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia tome parte e actúe de inmediato para frear unha situación que supón un serio risco para o futuro do sector produtor galego. Unha cadea de recortes impostos que carece de ningún tipo de xustificación alén do interese das industrias por engordar as súas contas de beneficios á custa de rendabilidade allea, pois mentres o PVP do leite segue invariable as cotizacións dos derivados industriais rexistran unha tendencia á alza.

Unións Agrarias considera totalmente inaceptable que, a pesar das sentenzas xudiciais que xa pesan contra elas, as industrias lácteas continúen estancadas en vellos vicios, impoñendo condicións, evitando a negociacion colectiva e forzando a venda a perdas no sector produtor. E é que hai que lembrar que por detrás dos prezos medios sitúase unha realidade maioritariamente composta por explotacións de pequeno tamaño que nestes momentos xa se atopan ao límite da súa resistencia, pois están a percibir 40,54 céntimos por litro de leite e, de perpetrarse a nova baixada, situaríanse por debaixo de custos de produción.

Unións Agrarias xa ten trasladado a súa preocupación á conselleira do Medio Rural e agarda que a Xunta de Galicia mova ficha canto antes. A organización agrogandeira lembra que mentres outras administracións autonómicas, como a vasca, xa están a dar pasos coa creación de ferramentas e mecanismos de control, Galicia segue a ter deberes pendentes. Nese senso, Unións Agrarias insiste na necesidade de que o goberno galego habilite dotación orzamentaria e persoal suficiente para que a AICA galega poida ser unha ferramenta realmente útil; así como a poñer en marcha o tan reclamado Observatorio de Custos e non escatimar esforzos para garantir o cumprimento da Lei de Cadea e sancionar exemplarmente aos que a ignoren.

A organización agrogandeira non tolerará un novo recorte no prezo do leite en orixe, e xa anuncia que se as industrias seguen adiante con esta política de imposicións e amedrentamento comezará a sinalar publicamente, con nome e apelidos, a aquelas que atentan contra a rendabilidade do sector produtor.

Hai un ano no conxunto de España había 10.411 explotacións lácteas; 5.875 delas en Galicia. A día de hoxe sobreviven tan só 9.756 no estado e 5.523 en territorio galego. Unha sangría que dá boa conta da delicada situación que atravesa un sector que precisa de todo o apoio para garantir a súa viabilidade e favorecer un relevo xeracional que, nas actuais condicións de inestabilidade de prezos, dificilmente será posible.

A estratexia de recortes que as industrias lácteas están a impoñer en Galicia supón situar unha comunidade cunha alta vocación e capacidade de produción láctea como a nosa nos niveis de cotizacións de países europeos deficitarios. Algo inaceptable cando os últimos datos dispoñibles falan dunha subida da produción respecto ao mesmo mes do ano anterior que, con algo máis de 4,4 millóns de kg, marca un novo récord histórico.

As calidades de graxa e proteína do leite de Galicia son as mellores de todas as comunidades autónomas con maior vocación leiteira. Pola contra, a maioría dos contratos en vigor son de curta duración e a prezo fixo: o 91 % teñen unha duración inferior a 6 meses (o 6% < 3 meses e o 85% entre 3 e 6 meses).

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias