Santiago, 6 de xuño de 2024.- Unións Agrarias ten acadado o compromiso explícito de Naturleite de manter o prezo que paga aos gandeiros polo leite que recolle. Tralos contactos mantidos nos últimos días coa organización agrogandeira, a láctea recoñece que neste momento non existen razóns que xustifiquen unha baixada das tarifas, que se compromete a non recortar nos vindeiros meses.
Se ben o habitual nesta época do ano era que as cotizacións do leite en orixe experimentasen un cambio á alza, logo dos anuncios de novos recortes realizados nos últimos días a decisión de Naturleite supón unha boa nova. Así, Unións Agrarias celebra unha posición que agarda sirva de exemplo e precedente para as demais industrias lácteas que operan en Galicia.
Unións Agrarias fai un chamamento para que as dúas lácteas que acaparan o maior volume de recollida de leite na nosa Comunidade recapaciten e sigan o camiño de Naturleite, e nos vindeiros días tentará negociar con Lactalis e Central Leiteira Asturiana para frear o recorte de prezos anunciado para a renovación de contraros de agosto. Ademais, a organización volve facer un chamamento á Xunta de Galicia para que se involucre, interveña e presione ás lácteas para garantir unhas relacións xustas e equilibradas da cadea alimentaria no sector.
O prezo que as granxas galegas cobran por litro de leite sitúase nos 0,4630 €. Unha tarifa que, de perpetrarse a nova rebaixa anunciada polas industrias para a renovación de contratos de agosto, apenas superaría os 44 céntimos/l; moi por debaixo dos 48,8 nos que se sitúa a media española e máis aínda dos 53,4 que perciben os gandeiros asturianos. Uns diferenciais intolerables e inxustificables, habida conta da capacidade produtora e da superior calidade do leite galego, e que deben ser correxidos. Mais non son os únicos, pois Unións Agrarias lembra que, máis aló de prezos medios, a realidade do sector produtor lácteo galego está formada por unha maioría de granxas de pequenas dimensións que nestes momentos xa se atopan ao límite da súa resistencia, pois están a percibir 40,54 céntimos/litro e, de perpetrarse a nova baixada, situaríanse por debaixo de custos de produción.
Así as cousas, Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a intervir para recortar unhas fendas que supoñen un serio risco para o futuro do sector produtor galego. Hai un ano no conxunto de España había 10.411 explotacións lácteas; 5.875 delas en Galicia. A día de hoxe sobreviven tan só 9.756 no estado e 5.523 en territorio galego. Unha sangría que dá boa conta da delicada situación que atravesa un sector que precisa de todo o apoio para garantir a súa viabilidade e favorecer un relevo xeracional que, nas actuais condicións de inestabilidade de prezos, dificilmente será posible.
Unións Agrarias considera totalmente inaceptable que, a pesar das sentenzas xudiciais que xa pesan contra elas, as industrias lácteas continúen estancadas en vellos vicios, impoñendo condicións, evitando a negociacion colectiva e forzando a venda a perdas no sector produtor. Nese senso, lembra que mentres outras administracións autonómicas, como a vasca, xa están a dar pasos coa creación de ferramentas e mecanismos de control, Galicia segue a ter deberes pendentes. Así, Unións Agrarias insiste na necesidade de que o goberno galego habilite dotación orzamentaria e persoal suficiente para que a AICA galega poida ser unha ferramenta realmente útil; así como a poñer en marcha o tan reclamado Observatorio de Custos e non escatimar esforzos para garantir o cumprimento da Lei de Cadea e sancionar exemplarmente aos que a ignoren.
A cadea de recortes e devaluación do leite que as industrias lácteas levan un ano impoñendo ao sector produtor galego supón xa unha redución de 14 céntimos/litro no último ano. Unha baixada do 30% imposta sen ter en conta a rendabilidade nin os custos de produción das granxas e sen xustificación de mercado que a avale, pois mentres as industrias recortan o prezo que pagan a gandeiras e gandeiros o PVP do leite mantense inalterable e as cotizacións dos derivados lácteos á alza.
A estratexia de recortes que as industrias lácteas están a impoñer en Galicia supón situar unha comunidade cunha alta vocación e capacidade de produción láctea como a nosa nos niveis de cotizacións de países europeos deficitarios. Algo inaceptable cando os últimos datos dispoñibles falan dunha subida da produción respecto ao mesmo mes do ano anterior que, con algo máis de 4,4 millóns de kg, marca un novo récord histórico.
As calidades de graxa e proteína do leite de Galicia son as mellores de todas as comunidades autónomas con maior vocación leiteira. Pola contra, a maioría dos contratos en vigor son de curta duración e a prezo fixo: o 91 % teñen unha duración inferior a 6 meses (o 6% < 3 meses e o 85% entre 3 e 6 meses).