Lalín 11 de xuño.– Unións agrarias está a recibir queixas de produtores e particulares de Agolada polos danos do xabaril nas parcelas acabadas de sementar de millo forraxeiro e hortas de autoconsumo que se están a dar nos últimos días. Un malestar que aumenta pola actitude da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Pontevedra, que non tivo a ben autorizar as medidas de caza por control de danos solicitadas polas sociedades de caza locais a requirimento das explotacións e veciños afectados polas visitas periódicas das mandas de xabaril aos seus cultivos. Pola contra, a administración ten substituíndo as autorizacións das accións solicitadas por simples permisos para actuar con cans atraillados para espantar ao xabaril. Unha intervención insuficiente dada a situación actual e a dinámica dos danos na zona.
Unións Agrarias entende que é preciso que a Administración autorice medidas máis resolutivas para evitar a reiteración de danos nos cultivos, así como que a Delegación Provincial de Medio Ambiente en Pontevedra proceda sen demora a autorizar as actividades solicitadas polos TECOR de Agolada, toda vez que a lexislación de caza vixente os fai responsables dos danos e das accións para a súa prevención, e que son os cazadores que se moven sobre o terreo os que mellor coñecen as necesidades dunha intervención eficaz.
Hai que ter en conta que a campaña de sementeira do millo forraxeiro deste ano ven moi retrasada por razón climatolóxicas, especialmente as chuvias persistentes desta primavera, o que retrasou a sementeira e a aparición de danos do xabaril nas parcelas de cultivos.
En Galicia seméntanse unhas 71.000 hectáreas de millo forraxeiro, sendo a principal zona de España para este cultivo, fundamental para a alimentación da cabana de leite e de carne, e que se recolle a partires do mes de setembro ou en outubro. Unións Agrarias lembra que o custode alimentación é o que maior repercusión ten nas contas das explotación gandeiras galegas. Por iso é fundamental o control do xabaril nestas semanas nas que xermina o grao no chan, controlar as poboacións e disuadir da presenza destes animais de cara ao resto da campaña do millo.
Asemade, Unións Agraria fai un chamamento ara que a Consellería de Medio Ambiente se implique na coordinación cos TECOR, colaborando cos cazadores e autorizando de forma áxil as accións de caza ordinaria ou extraordinaria que se lle requiran e sexan precisas para evitar danos nas próximas semanas, críticas para millo.