Ourense, 19 de xuño de 2024.- Unións Agrarias insta á Xunta a tomar medidas extraordinarias para evitar que a flavescencia dourada lastre a produción vitivinícola da próxima campaña. A organización agrogandeira chama a atención sobre o alto grao de preocupación que está a causar a ameaza dunha das enfermidades fitoplasmáticas máis importantes e prexudiciais para a vide, e fai un chamamento para que a Consellería do Medio Rural leve a iniciativa para evitar que as parcelas abandonadas se convirtan en focos de transmisión da mesma.
Lonxe de tranquilizar ao sector produtor, as charlas informativas recentemente impulsadas pola Xunta teñen elevado o nivel de alerta entre os produtores do Ribeiro. E é que, tal e como destaca Unións Agrarias, que estes coñezan os tratamentos que deben aplicar nas súas vides para evitar que a flavescencia dourada faga estragos non abonda.
A organización considera necesario abordar a situación con rigor e celeridade e procurar métodos para controlar unha praga que avanza desde Portugal e cuxa propagación podería ter consecuencias nefastas. Nese senso, Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia dea un paso adiante e impulse sen demora un plan de acción que permita implementar as medidas precisas para poñerlle freo ao problema antes de que este se dispare, evitando que as fincas con vides abandonadas se convirtan nun reservorio da doenza. Nesas parcelas é, precisamente, onde a organización agrogandeira pon o foco pois, debido ao seu modelo de propagación, resulta moi sinxelo que a flavescencia pase dunha vide infectada a outras próximas.
O Scaphoideus littoralis, un pequeno insecto da familia dos cicadélidos, é o responsable da transmisión da flavescencia dourada polo que, alén da aplicación de tratamentos fitosanitarios para combatilo, a eliminación das cepas afectadas supón unha parte fundamental da metodoloxía a aplicar.