UNIÓNS AGRARIAS FORZA A RETIRADA DUNHA OFERTA QUE VOLVÍA EMPREGAR O LEITE COMO PRODUTO RECLAMO EN LIDL

A organización manterase vixiante para evitar que esta e outras ofertas similares se repitan

24 de xuño de 20024-. Produtores de leite e membros de Unións Agrarias desprazáronse hoxe ata os puntos de venda que a cadea de supermercados Lidl ten na Choupana e no Polígono Costa Vella, en Santiago de Compostela, para denunciar o emprego do leite como produto reclamo por parte desta distribuidora. A organización procedeu a retirar dos andeis dos bricks de leite a 0,73€/litro correspondentes a unha promoción que supón un novo e intolerable ataque á cadea de valor deste produto, máis grave aínda nun momento especialmente sensible como o actual, con catro baixadas dos prezos en orixe encadeadas no último ano. Unha promoción que Unións Agrarias denunciará formalmente ante a AICA.

Unións Agrarias non ten dúbidas de que resulta “imposible comercializar o litro de leite a 0,73 € e que se lle gañe cartos. Quen paga as consecuencias deste tipo de ofertas da distribución son os gandeiros e gandeiras, e iso non o imos permitir”.

A oferta anunciada por Lidl para o período comprendido entre o 24 e o 30 de xuño é especialmente preocupante nun momento tan sensible como o actual, tras catro rebaixas dos prezos do leite en orixe encadeadas e a ameaza dunha nova redución para a renovación de contratos de agosto sobre a mesa. Nese senso, a organización agrogandeira manterase vixiante para evitar que tanto esta como as demais cadeas de distribución sigan empregando o leite como reclamo, sinalando todas as ofertas abusivas que poidan producirse. ” Non imos consentir que este tipo de ofertas sirvan de excusa para impulsar unha nova baixada de prezo aos produtores”, aseveran desde Unións.

No último ano as granxas galegas veñen padecendo as presións e imposicións das industrias lácteas que, en contra do que estipula a Lei de Cadea Alimentaria, evitan a negociación e impoñen prezos sen xustificación de mercado. -As sucesivas baixadas impostas supoñen un recorte acumulado do 30% nos últimos 12 meses. 14 céntimos menos que supoñen poñer ao sector produtor contra as cordas, pois estas rebaixas prodúcense sen ter en conta os custos de produción das explotacións.

Nestes momentos as ganderías galegas están a cobrar o litro de leite a un prezo medio de 0,46 €. Moi por debaixo dos 0,48 nos que se sitúa a media española e máis aínda dos 0,53 que perciben os gandeiros asturianos. Pero cómpre lembrar que por detrás dos prezos medios sitúase unha realidade maioritariamente composta por explotacións de pequeno tamaño que a día de hoxe xa se atopan ao límite da súa resistencia, pois están a percibir 0,40€ por litro de leite e, de perpetrarse a nova baixada, situaríanse por debaixo de custos de produción.

Unións Agrarias lembra que o emprego do leite como produto reclamo por parte das cadeas de distribución supón esganar aínda máis ao sector produtor, pois elimina a marxe necesaria para que as granxas poidan cubrir custos e ver garantido o seu dereito á rendibilidade.

Hai un ano no conxunto de España había 10.411 explotacións lácteas; 5.875 delas en Galicia. A día de hoxe sobreviven tan só 9.756 no estado e 5.523 en territorio galego. Unha sangría que dá boa conta da delicada situación que atravesa un sector que precisa de todo o apoio para garantir a súa viabilidade e favorecer un relevo xeracional que, nas actuais condicións de inestabilidade de prezos, dificilmente será posible.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias