UNIÓNS AGRARIAS RECLAMA ADAPTAR A ARBITRAXE DE CONSUMO Á PRODUCIÓN

O novo modelo presentado reforzaría a eficacia da Lei da Cadea Alimentaria

Santiago, 25 de xuño de 2024.- A organización Unións Agrarias, ve unha oportunidade de reforzamento da Lei da Cadea Alimentaria no novo modelo de arbitraxe entre consumidores e empresas que vén de presentar o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2023. O Real Decreto, polo que se coñece, terá dous obxectivos: crear un sistema áxil, seguro e de balde para que os consumidores poidan valer os seus dereitos de xeito equilibrado diante das grandes empresas e, ao mesmo tempo, que os ditames do sistema arbitral sexan executivos e vinculantes para ambas partes.

Unións Agrarias leva anos reclamando un instrumento normativo que equilibre a balanza na negociación entre os produtores e a industria á hora de asinar os contratos de venda en orixe. Unha realidade que, froito do desequilibrio entre quen vende un produto perecedeiro e quen controla o mercado, fai que a pesar dos articulados da Lei de Cadea Alimentaria que tratan de impedir a venda a perdas, esta se siga producindo, xa que os produtores son obrigados a asinar acordos lesivos para os seus intereses debido á posición dominante das empresas compradoras.

Na nota de prensa difundida polo ministro Pablo Bustinduy indícase que a normativa presentada busca que “reclamar os teus dereitos non pode depender do teu nivel adquisitivo ou posición social, coa renovación de sistema arbitral, todo o mundo poderá loitar polos seus intereses de forma segura e accesible”. Desde UUAA ademais de adherirse a esta declaración, faise un chamamento a que se implemente de inmediato desde o ministerio de Agricultura unha figura legal similar (xa vixente desde hai anos en Francia), para protexer, por exemplo, a capacidade de negociación das ganderías de leite de Galicia que ven como o diferencial de prezo acada os 7 cts/l respecto ás asturianas, sen que obviamente haxa razóns de mercado nin de loxística suficientes que o xustifiquen.

Finalmente, Unións Agrarias isiste en que protexer aos produtores agroalimentarios significa protexer aos consumidores que disporán de alimentos de calidade, variados e de proximidade, o cal deriva nunha mellor atención ao medio ambiente e, en definitiva, a un medio rural vivo e poboado.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias