O TRIBUNAL SUPREMO DÁ POR BOS OS ARGUMENTOS DE UNIÓNS AGRARIAS E TUMBA O INTENTO DA FENIL DE ELIMINAR A PROHIBICIÓN DA COMPRA A PERDAS DA LEI DE CADEA

A sentenza recén emitida desestima o recurso da Federación Nacional de Industrias Lácteas e asenta o dereito de gandeiras e gandeiros a cobrar por enriba de custos

Santiago, 26 de xuño de 2024.- O Tribunal Supremo ven de ratificar o dereito do sector produtor a cobrar por enriba de custos. Así se desprende da sentenza recén emitida, coa que o máximo órgano do poder xudicial en España dá carpetazo ao intento da Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL) de tentar torpedear a Lei de Cadea Alimentaria para eliminar da mesma o veto á compra a perdas.

O Tribunal Supremo dá por bos os argumentos defendidos por Unións Agrarias hai algo máis dun ano, cando a organización agrogandeira compareceu ante este órgano para defender o dereito de gandeiras e gandeiros a cobrar por enriba do que lles custa producir.  

En maio de 2023 Unións Agrarias sumaba forzas coa Avogacía do estado para desmantelar o bochornoso intento da FENIL de seguir impoñendo condicións abusivas e ignorando a rendibilidade e os dereitos do sector produtor.  Facíao mediante unha comparecencia na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, en Madrid, para participar nunha sesión de presentación de informes periciais na que a organización agrogandeira argumentou a necesidade de blindar a Lei de Cadea Alimentaria e, máis concretamente, a modificación introducida na mesma en relación ao veto explícito á compra a perdas.

A sentenza do Supremo tumba o intento das industrias lácteas de seguir impoñendo unilateralmente prezos, eludindo a negociación e forzando ao sector produtor a asinar contratos de adhesión sen ter en conta nin os custos de produción das explotacións nin a situación real de mercado. Así, o órgano xudicial respalda o dereito do sector produtor a percibir prezos dignos polas súas producións e pecha a tentativa da FENIL de seguir actuando ao seu antollo sen consecuencias.

Unións Agrarias celebra unha sentenza que desmonta os argumentos das industrias lácteas, que apelaban ao libre mercado para seguir impoñendo condicións lesivas ao elo máis débil da cadea. Porén, alén de resolucións xudiciais a organización agrogandeira lembra a necesidade de seguir avanzando na habilitación e na dotación de ferramentas e instrumentos que garantan o cumprimento da Lei de Cadea de maneira efectiva.

Unións Agrarias destaca que a xudicial non pode ser a única vía coa que o sector produtor conte á hora de facer valer os seus dereitos fronte a posibles incumprimentos da lexislación. Nese senso, insiste na necesidade de contar cun Observatorio de Custos que marque liñas vermellas e aporte datos obxectivos e públicos de referencia. Así como de que España, igual que Francia, introduza a figura do mediador para garantir que, dunha vez por todas, as negociacións entre industrias e produtores se desenvolvan en pé de igualdade. Nese senso, a organización agrogandeira anima ás administracións a continuar traballando e a seguir o exemplo do sistema arbitral gratuíto destinado a resolver conflitos entre consumidores e empresas recén anunciado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030. Un mecanismo análogo ao que a organización demanda para as relacións entre produtores e industrias.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias