ARRINCAN OS XUÍZOS POLAS PRIMEIRAS DEMANDAS DO CÁRTEL DO LEITE INTERPOSTAS POR UNIÓNS AGRARIAS

A organización compareceu este martes nos xulgados de Granada, onde se dirimen os primeiros casos dos arredor de 5.500 que acumula a organización

Santiago, 2 de xuño de 2024.- Unións Agrarias compareceu este martes no Xulgado do Mercantil nº 1 de Granada para participar na audiencia previa coa que se pon oficialmente en marcha a maquinaria xudicial polos casos do Cártel do Leite. Trátase dos primeiros xuízos dos arredor de 5.500 casos que nestes momentos se atopan en mans dos servizos xurídicos da organización. Un número de afectados que medrou nos últimos meses e que aínda podería incrementarse pois, tal e como lembra Unións, o prazo para sumarse á reclamación aínda non ten prescrito.

Logo de que en febreiro deste ano a Audiencia Nacional dese carpetazo ao intento das lácteas de zafarse da sanción millonaria interposta pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, Unións Agrarias confía en que os afectados polo Cártel Lácteo poidan acadar pronto unha resolución favorable e recuperar os cartos que lles corresponden. E é que a sentenza emitida hai catro meses non só tumbou a pretensión das industrias de evitar a multa que se lles impuxera no 2019: supuxo o recoñecemento do feito delitivo cometido ao pactar de xeito ilícito prezos á baixa para o leite; e avala o dereito dos afectados a recuperar o diferencial entre os ingresos percibidos e os que deberan ter recibido de non terse dado esa manipulación artificial dos prezos.

As sesións celebradas hoxe supoñen un paso máis no longo camiño percorrido por Unións Agrarias para frear os abusos das lácteas e defender os dereitos das gandeiras e gandeiros galegos. A organización lembra que todos os titulares de explotacións que venderan leite entre os anos 2000 e 2013 poden sumarse á reclamación para que as industrias lles reembolsen o diferencial correspondente á contía que deberan ter cobrado pola produción vendida neses anos e o que realmente percibiron. Unha cantidade que, tal e como recoñeceu primeiro a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e despois a Audiencia Nacional, se viu alterada polos pactos de prezos ilícitos acadados polas industrias durante eses anos.

As demandas de afectados que os servizos xurídicos de Unións Agrarias aglutinan este momento roldan as 5.500. Porén, calcúlase que o número real de afectados pode superar os 49.000, de acordo co número de explotacións que rexistraron vendas nos anos de actuación do cártel. Así as cousas, a organización lembra a aqueles que non o teñan feito xa que aínda están a tempo de sumarse á reclamación.

Unións Agrarias lamenta que, a pesar da súa vontade de acadar unha solución negociada a este conflito, esta non teña sido posible debido á resistencia das industrias. Porén, a organización non ten dúbida de que a razón está do lado do sector produtor e, en vista dos avances acadados a este momento, confía en que finalmente a xustiza recoñecerá o dereito de cada un dos afectados a percibir o que lle corresponde.

As reclamacións dos máis de 5.000 gandeiros que se teñen sumado a esta causa da man dos servizos xurídicos de Unións Agrarias supera os 600 millóns de euros, de acordo cos cálculos e a exhastiva pericial realizada para calcular o importe do dano individual causado polo cártel a cada un deles.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias