UNIÓNS AGRARIAS DENUNCIA O DESLEIXO DA XUNTA ANTE O PROBLEMA DE ACUMULACIÓN DE STOCK NA RIBEIRA SACRA

Critica que, a pesar das reiteradas peticións realizada ao longo do último ano, non se teña impulsado vendima en verde nin destilación de crise; e solicita garantías de recollida e axudas para a próxima campaña

Santiago, 5 de xullo de 2024.- Unións Agrarias lamenta que, a pesar das reiteradas peticións e chamadas de alerta realizadas ao longo do último ano, a Xunta de Galicia non teña actuado para paliar o grave problema de acumulación de stock que afecta á Ribeira Sacra. Ás portas da próxima campaña o viño do ano pasado continúa acumulado nas adegas desta D.O. para a que, contrariamente ao solicitado, a administración autonómica non ten habilitado ningún tipo de medida extraordinaria. Así as cousas, a organización agrogandeira fai un chamamento in extremis e insta ao goberno galego a actuar para que os viticultores da zona conten con garantías de recollida na vendima que se aproxima.

Nin destilación de crise nin vendima en verde. Pese aos avisos e as solicitudes de intervención realizadas ante un problema que xa se puxo de manifesto na vendima do ano pasado, a Xunta de Galicia ten deixado pasar os meses sen mover ficha para procurar solucións ao estancamento do mercado que afecta aos viños tintos. Unha situación especialmente grave para os viticultores da Ribeira Sacra, centrada na elaboración deste tipo de caldos.

Unións Agrarias lamenta que, coa próxima vendima á volta da esquina, o goberno galego teña os deberes por facer e non teña feito absolutamente nada para evitar a perda de produción e ingresos que, en vista da situación, inevitablemente afectará aos viticultores da Ribeira Sacra nos vindeiros meses. Así as cousas, a organización agrogandeira insta ao goberno galego a dar un paso á fronte e a traballar, da man de adegas e Consellos Reguladores, para buscar alternativas e aportar as garantías que o sector produtor precisa.

Unións Agrarias insta ao goberno galego a poñer enriba da mesa de xeito inmediato orzamento para impulsar unha destilación de crise e sacar das adegas o viño que segue acumulado de campañas anteriores. “Facelo resulta imprescindible para facer sitio á uva do 2024 que, doutro xeito, será imposible recoller na súa totalidade”, advirte a organización. Do mesmo xeito, reclama que a Consellería do Medio Rural compense economicamente as posibles perdas do sector produtor, tendo en conta o lucro cesante.

Alén diso, Unións Agrarias considera imprescindible que a Xunta de Galicia se involucre na procura de solucións a medio/longo prazo. Nese senso, a organización considera urxente que a administración, da man do conxunto dos axentes involucrados no sector vitivinícola, se poña a traballar sen máis demora na elaboración dun plan de actuación con visión de futuro e coa vosta posta na promoción, nas exportacións e na apertura de novos mercados internacionais para os tintos; así como na reestruturación de viñedos e na posibilidade de impulsar cambios varietais que aporten valor engadido aos viños da Ribeira Sacra e potencien as súas vendas.

Unións Agrarias lembra a enorme importancia da viticultura na Ribeira Sacra. Un papel transversal imprescindible pola súa relación coa conservación da orografía e a conformación dunha paisaxe singular que está a xogarse a declaración de Patrimonio Mundial da Unesco; recoñecido pola propia Xunta de Galicia, que a semana que ven ten convocado aos viticultores da zona para abordar este asunto. Nese senso, a organización fai un chamamento á coherencia e a responsabilidade e insta ao goberno galego a ir máis aló das boas palabras e prestar a este sector o apoio que precisa para garantir a súa rendibilidade e viabilidade presente e futura.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias