UNIÓNS AGRARIAS URXE SOLUCIÓNS PARA A VITICULTURA DA RIBEIRA SACRA

Máis dun millon de quilos de uva pode quedar sen recoller debido ao stock da campaña pasada que aínda segue acumulado nas adegas desta DO

Cando menos un 20% da uva da Ribeira Sacra podería quedar sen recoller nesta vendima. É a realidade que as adegas xa están a transmitir ao sector produtor, habida conta da cantidade de stock da campaña pasada que aínda segue acumulado e a difícil situación de mercado que afecta ao conxunto dos tintos a nivel estatal. Así as cousas, Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar de inmediato e a activar os mecanismos precisos para activar solucións que garantan a rendibilidade das adegas e viticultores desta denominación de orixe.

Unións Agrarias lamenta que, a pesar das reiteradas peticións e chamadas de alerta realizadas ao longo do último ano, a Xunta de Galicia non teña actuado para paliar o grave problema de acumulación de stock que afecta á Ribeira Sacra. Ás portas da próxima campaña o viño do ano pasado continúa acumulado nas adegas desta D.O. para a que, contrariamente ao solicitado, a administración autonómica non ten habilitado aínda ningún tipo de medida extraordinaria. Así as cousas, a organización agrogandeira fai un chamamento in extremis e insta ao goberno galego a actuar para que os viticultores da zona conten con garantías de recollida na vendima que se aproxima.

“Aínda hai tempo para evitar que queden uvas sen recoller, pero é urxente activar todos os mecanismos para conseguilo”, asevera a organización, que entende que “non podemos permitirnos que quede un só quilo de uva sen recoller nin que desapareza un só viticultor”.

Tralas xuntanzas mantidas nos últimos días con adegas da zona, Unións Agrarias non ten dúbida do problema que o sector vitivinícola da Ribeira Sacra terá enriba en cuestión dun par de meses. E é que, de acordo coas estimacións realizadas, máis dun millón de quilos de uva poden quedar sen recoller debido á incapacidade das adegas de facerlle oco á totalidade da produción desta campaña.

Unións Agrarias lamenta o pasotismo da Xunta de Galicia e, chegados a este punto, insta á administración autonómica a porse a traballar: “xa non temos tempo, e é fundamental que non queden uvas colgadas e que se garantan prezos por enriba de custos de produción, tal e como marca a lei”.

Unións Agrarias considera imprescindible actuar para garantir a rendibilidade e o futuro dun sector esencial para a economía da comarca debido ao forte vínculo existente entre a viticultura e a conformación da paisaxe, a conservación e a xestión do territorio e a orografía desta zona. ” Falamos dunha DO pequena, pero esencial para o conxunto da comarca: para o turismo e o conxunto do tecido socioeconómico”. Nese senso, a organización fai un chamamento á coherencia e á responsabilidade e insta ao goberno galego a ir máis aló das boas palabras e prestar a este sector o apoio que precisa para garantir a súa rendibilidade e viabilidade presente e futura. “Igual que cando outros sectores tiveron problemas se tirou de fondos públicos para axudalos a saír do bache, agora toca poñer cartos enriba da mesa para evitar o abandono das vides da Ribeira Sacra”, asevera Unións; que lembra a candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco á que aspira a zona.

Unións Agrarias considera indispensable que produtores, adegas e administración vai da man e traballen unidos para implementar as solucións que esta DO precisa a curto, medio e longo prazo. A organización entende que o problema de mercados que afecta aos tintos a nivel estatal é un mal común que adegas e produtores deben enfrontar de maneira coordinada, e insta á Xunta a involucrarse para traballar da man e sen máis demora na elaboración dun plan de actuación con visión de futuro e coa vosta posta na promoción, nas exportacións e na apertura de novos mercados internacionais para os tintos; así como na reestruturación de viñedos e na posibilidade de impulsar cambios varietais que aporten valor engadido aos viños da Ribeira Sacra e potencien as súas vendas. “Ou se toman solucións xa ou chegaremos tarde”, conclúe a organización.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias