Pola de Siero, 11 de xullo de 2024.- Unións Agrarias lamenta a campaña emprendida por Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA Food) para tentar amedrentar e frear a actividade da organización na defensa dos intereses das gandeiras e gandeiros. Membros da organización compareceron esta mañá nos xulgados asturianos de Pola de Siero para prestar declaración en relación á demanda impulsada pola láctea. Unha actuación que supón un atentado contra a liberdade sindical e os dereitos dun sector que leva anos padecendo os comportamentos abusivos das industrias láctas.
Unións Agrarias condena o burdo intento de CAPSA de calar a quen sinala os abusos das industrias e traballa activamente a prol dos dereitos do sector produtor. Membros da organización compareceron esta mañá en sede xudicial para ratificar a veracidade de todas as declaracións realizadas nos últimos meses en relación ao comportamento dunha industria que, debido ao seu volume de recollida e ao número de explotacións coas que traballa, marca tendencia no que a evolución dos prezos en orixe en Galicia se refire.
Unións Agrarias amosouse tranquila e convencida da veracidade e pertinencia de todo o declarado. Unha realidade avalada por numerosos informes técnicos que a organización non dubida farán que a xustiza lle dea a razón.
A organización agrogandeira lamenta que, no canto de acatar o que marca a lexislación vixente e optar pola negociación colectiva para acadar unhas relacións máis xustas e igualitarias entre produtores e industria, CAPSA opte pola vía xudicial para amedrentar e tratar de vingarse. “Estamos convencidos da veracidade de todo o dito e actuacións deste tipo unicamente reafirman a importancia da actividade sindicial e aumentan o noso ánimo para continuar traballando na defensa dos intereses do sector produtor. Cremos que estamos no bo camiño e seguiremos denunciando os incumprimentos, sinalando a quen abusa e defendendo a rendabilidade e o futuro das explotacións galegas”.
Unións Agrarias chama a atención sobre o modus operandi dunha industria que xa foi sancionada pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia por pactar prezos e incorrer en prácticas anticompetitivas en detrimento dos intereses e dereitos dos produtores. Igualmente, destaca o feito de que o máximo responsable de Capsa sexa tamén unha persoa con responsabilidades na Federación Nacional de Industrias Lácteas. Algo que corrobora as prácticas abusivas ás que as industrias lácteas están afeitas e que Unións Agrarias continuará denunciando publicamente. “O que estamos vivindo neste momento demostra unha vez máis que non existe negociación colectiva e que as industrias pretenden seguir impoñendo condicións á marxe do que dicta a lei. Están afeitas a actuar dese xeito, e cando non conseguen o seu obxectivo tentan amedrentar pola vía xudicial. Algo intolerable que non nos vai calar”.
A organización reitera o “desaxuste claro” que existe entre o prezo que as industrias lácteas pagan aos produtores galegos e aos asturianos. Unha diferenza de prezo constatable e que, ao igual que Unións Agrarias, tamén ten denunciado publicamente A Consellería do Medio Rural.