UNIÓNS AGRARIAS PON EN MARCHA UN PROXECTO PARA FAVORECER O RELEVO E EVITAR O PECHE DE EXPLOTACIÓNS LÁCTEAS

Smart Farm Saving asesorará e porá en contacto a titulares de granxas sen posibilidades de continuidade con persoas interesadas en incorporarse á actividade

Cando unha explotación gandeira pecha non volve abrir. É a realidade dunha actividade que non é posible poñer en pausa para voltar darlle ao play cando conveña, o que cada ano se traduce en arredor de 300 granxas en activo menos en Galicia. Frear o abandono e favorecer o relevo no sector lácteo é o obxectivo de Smart Farm Saving; un proxecto que Unións Agrarias pon en marcha co apoio da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural FEADER no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027 para o ano 2023.

Dende agora e ata o ano 2026 Unións Agrarias traballará na elaboración dunha base de datos que tentará poñer en contacto aos titulares de explotacións que, xa sexa por idade ou por outro motivo, se atopan próximas ao peche e sen posibilidades de relevo familiar; con persoas interesadas en incorporarse á actividade agrogandeira. A falla de relevo xeracional é un dos principais problemas que afecta ao sector primario. A día de hoxe en Galicia aproximadamente o 66% titulares de explotacións teñen máis de 55 anos de idade, o 40% no caso concreto do lácteo. Ademais, segundo un estudo realizado no marco da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego, o 77% dos gandeiros que non teñen pensado continuar no sector non teñen posibilidade de relevo dentro da familia. Sen embargo, unicamente o 15% deles teñen previsto alugar ou vender a explotación a persoas alleas. Un progresivo abandono ao que tamén contribúen significativamente o incremento dos custos de produción, a incerteza que provoca a inestabilidade dos prezos e a redución de rendibilidade.

Segundo o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, os concellos rurais galegos perderon case o 20% da súa poboación entre 1996 e 2017. A isto hai que sumarlle un avellentamento cada vez máis acentuado da poboación rural que duplica ao existente nas contornas urbanas e que dá lugar a un proceso de abandono con graves consecuencias ambientais, económicas e sociais.

Neste contexto Unións Agrarias pon en marcha Smart Farm Saving; unha ferramenta dixital intelixente que traballará para tender pontes entre os titulares de explotacións próximas ao peche e sen posiblidade de relevo con persoas interesadas en incorporarse á actividade agrogandeira.

Alén desa recollida de datos e posta en contacto das partes interesadas, o proxecto encargarase de acompañar e prestar o asesoramento preciso para que esa transición entre titulares se realice do xeito máis rendible, coa ollada posta na modernización e na implementación de posibles melloras que poidan contribuír a aumentar as posibilidades de éxito, a sustentabilidade e a viabilidade futura das granxas.

Hai un ano no conxunto de España había 10.411 explotacións lácteas; 5.875 delas en Galicia. A día de hoxe sobreviven tan só 9.756 no estado e 5.523 en territorio galego. Unha sangría que dá boa conta da delicada situación que atravesa un sector que precisa de todo o apoio para garantir a súa viabilidade e favorecer o relevo xeracional.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias