Santiago, 17 de xullo de 2024.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a tomar parte para evitar que as industrias aboquen ao peche ás explotacións da montaña lucense. Distintas granxas desta área están a sufrir o abandono das lácteas, que teñen cancelado a recollida de leite situando aos titulares das mesmas nunha situación que, de non solventarse, rematará pola levalas ao peche.
Unións Agrarias ten solicitado unha xuntanza coa directora territorial en Lugo da Consellería do Medio Rural, María Olga Iglesias Fontal, para abordar a complicada tesitura na que se atopan as granxas lácteas da montaña desta provincia. Recorrendo a argumentos peregrinos que en nada se axustan á realidade e máis ben semellan querer enmascarar a nula vontade das industrias de manter a recollida nas áreas de máis difícil acceso, as lácteas están a cancelar a recollida en granxas que, polas súas pequenas dimensións e a idade dos seus titulares, nestes momentos atópanse en serio risco de peche.
Unións Agrarias insta ao goberno galego a intervir e a aportar solucións que eviten o desmantelamento das explotacións afectadas. A organización considera inaceptable que a administración permita que os intereses particulares das industrias leven por diante á base da cadea: os produtores máis vulnerables e con menos posibilidades de adaptación e reconversión; tanto polo contexto xeográfico no que se sitúan como polas dimensións dos seus negocios e a súa baixa capacidade de resistencia ante unha crise como a que enfrontan nestes momentos, sen ingresos e coa recollida de leite cancelada.
Unións Agrarias apunta o exemplo do goberno de Navarra, que ven de aprobar unha liña de axudas para compensar as dificultades e os maiores custos que a recollida de leite implica nas zonas de alta montaña ou difícil acceso. Unha solución que podería supoñer a salvación para os produtores da montaña lucense e que a organización agrogandeira agarda que a Xunta de Galicia tome en consideración.
Hai un ano en Galicia había 5.853 explotacións lácteas. A día de hoxe sobreviven tan só 5.494. Unha sangría que se repite ano tras ano, cos perda anual dunha media de entre 300 e 400 granxas na nosa Comunidade; e que dá boa conta da delicada situación que a travesa un sector que precisa de todo o apoio para garantir a súa viabilidade presente e futura. Máis aínda nas zonas demograficamente máis castigadas da xeografía galega, nas que a gandería desempeña un papel imprescindible como motor socioeconómico, xerador de riqueza e capacidade de fixar poboación e evitar o abandono.