Os afiliados e afiliadas de Unións Agrarias-UPA poden beneficiarse dunha nova oferta que busca facer máis accesible a agricultura de precisión aos profesionais do sector. Grazas ao acordo asinado entre a Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (UPA) e as empresas xFarm e Trimble, todos os membros da organización agrogandeira teñen á súa disposición os produtos de agricultura dixital e de precisión destas firmas a un prezo especial rebaixado, financiable a través das axudas do Kit Dixital.
A oferta que xa está dispoñible para todos os membros de Unións Agrarias, así como para o conxunto dos asociados á UPA no conxunto do estado, inclúe a instalación dun kit de autoguiado de Trimble compatible coa maioría dos tractores formado por un monitor, un receptor e un motor de dirección. Ademais, inclúe o acceso durante un ano á plataforma de agricultura dixital de xFarm, compatible con fontes de datos de distintas orixes e que inclúe funicóns como mapas por satélite e de prescrición, conexión de máquinas e telemetría. Así como a instalación a domicilio de todos os dispositivos.
Este pack ten un custo de mercado de 15.950 euros, pero grazas ao acordo acadado pola UPA os membros da organización poden acceder a el a un prezo rebaixado de 7.900 euros, IVE incluído. O obxectivo: que o autoguiado sexa accesible para todas as explotacións, tamén para as pequenas, medianas e de carácter familiar.
A dixitalización da agricultura aporta importantes vantaxes das que ningunha explotación, independentemente das súas dimensións e capacidades, pode quedar á marxe. Unha convición que ten levado á UPA a impulsar un convenio que pretende garantir o acceso ás novas tecnoloxías ao conxunto do sector.
As sedes de Unións Agrarias, así como as da UPA en toda España, xestionan a solicitude e tramitación do pack de autoguiado e agricultura de precisión, que estará dispoñible ata fin de existencias. Ademais, a organización realiza tamén as xestións para solicitar as axudas do Kit Dixital; un programa do Goberno de España xestionado por Red.es, entidad adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial que permite o acceso a contías de ata 3.000 euros para empresas entre 0 e menos de 3 empregados.