Ourense, 23 de xullo de 2024 – Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar e activar medidas preventivas que eviten a proliferación dos danos provocados pola fauna salvaxe nas vides do Ribeiro. A aparición de mandas de xabaril nunhas terras de cultivo nas que, a pesar do retraso desta campaña, xa comezan a aparecer os primeiros acios, ten preocupados aos viticultores da zona. Unha situación ante a que a organización agrogandeira reclama a planificación de medidas de control que permitan adiantarse e aliviar a presión destes animais sobre a produción.
Unions Agrarias insta á Consellería de Medio Ambiente a dar un paso á fronte e a impulsar accións de control da fauna para as zonas libres de Beade; así como a iniciar contactos co TECOR de Castrelo para planificar unha estratexia que permita ir por diante dos máis que previsibles danos que se van repetir no viñedo a medida que avance a madurez da uva.
A preocupación esténdese por unhas zonas nas que os viticultores teñen rexistrado en vídeo a presenza das mandas de xabaril entre as vides. Unhas incursións que, de non atallarse, irán a máis a medida que a uva vaia madurando e aumentando os seus niveis de azúcar e palatabilidade.
Unións Agrarias lembra que a intervención da Consellería do Ambiente resulta imprescindible para atallar a problemática da fauna salvaxe en Beade; unha zona sen TECOR na que toda a responsabilidade da xestión e implementación de medidas de control recae sobre a Xunta de Galicia. Do mesmo xeito, insta o departamento autonómico a coordinarse co TECOR de Castrelo para impulsar as necesarias medidas cinexéticas.
Unións agrarias considera insipensable que a Xunta de Galicia dea continuidade aos esforzos de coordinación e autorización de accións de caza puntuais, como esperas ou batidas extraordinarias, que se produzan a requerimento dos produtores afectados por danos; tanto no momento no que estes sexan detectados como naqueles casos nos que exista un risco certo de incidencia nos cultivos.
A produción de uva en Ourense é unha actividade esencial para unha provincia na que apenas existe produción de leite, e na que a de carne diminúe ano tras ano. Unións Agrarias lembra a importancia capital dun sector esencial desde o punto de vista socioeconómico e da xestión do territorio nunha provincia na que a actividade forestal apenas supón o 5% do conxunto de Galicia. Así, a organización agrogandeira insta á administración a involucrarse e prestar todo o apoio preciso para garantir a rendabilidade presente e futura da viticultura; unha actividade esencial para evitar o abandono e axudar á prevención do lume e protección do territorio.