UNIÓNS AGRARIAS INSTA AO GOBERNO A PARALIZAR ACTUACIÓNS QUE POIDAN FREAR A ACTIVIDADE AGROGANDEIRA

Condena a revisión á alza do valor de parcelas que está a efectuar o Catastro e que desincentiva a mobilización de terras

Ourense, 24 de xullo de 2024.- Unións Agrarias insta a paralizar actuacións que poden supoñer un freo para o acceso á terra e o mantemento da actividade agrogandeira. A organización lamenta a confusión que está a xerar o envío de comunicacións por parte do Catastro informando da revisión á alza do valor de terreos en uso. Unha actuación que está a xerar preocupación entre os propietarios e que desincentiva a posta da terra a disposición dos produtores que precisan dela.

Unións Agrarias fai un chamamento para que a administración recapacite e free unha actuación que xera inseguridade xurídica e que non reporta ningún beneficio, nin para a administración nin para a cidadanía. Propietarios de terras en uso que foron declaradas na PAC están a recibir notificacións do Catastro informando do incremento do valor desas parcelas. Unha actuación que non vai implicar ningún tipo de beneficio para as arcas públicas, pero que xera confusión e reticencia entre os propietarios.

A situación que agora se repite, co envío dunha nova serie de comunicacións por parte do Catastro, xa fora denunciada por Unións Agrarias, que o ano pasado se reunira co delegado do Goberno para abordar as consecuencias deste tipo de iniciativas e solicitar a súa paralización.

A organización lamenta que a administración continúe impulsando actuacións que, na práctica, poden supoñer unha traba para o acceso á terra e o mantemento da actividade agrogandeira. Así, insta ao Goberno a actuar con coherencia e non tomar medidas que obstaculizan a actividade do sector produtor e que poderían levar a un aumento do abandono.

O acceso á terra é un dos problemas que afecta ao sector agrogandeiro en Galicia; unha Comunidade na que as explotacións dispoñen da metade de superficie agraria útil que a media estatal e na que a mobilización e posta a disposición de quen precisa da terra en desuso segue a ser tarefa pendente.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias