UNIÓNS AGRARIAS ALERTA DA PROLIFERACIÓN DE CASOS DE EHE EN OURENSE

A organización insta á Xunta a convocar de xeito urxente a comisión de seguimento, a impulsar a vacinación e a activar as axudas que o sector precisa para facer fronte á doenza

Ourense, 1 de agosto de 2024.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a convocar coa máxima urxencia a comisión de seguimento para analizar e dar resposta aos problemas que a proliferación da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) está a supoñer para as ganderías ourensás. A preocupación pola enorme propagación e afectación desta doenza na zona oriental da provincia é grande; polo que a organización fai un chamamento para que a Consellería atenda sen demora a situación e contribúa a paliar os danos e o custo económico das explotacións.

O nerviosismo esténdese pola montaña ourensá. De Viana a Verín pasando pola Mezquita, a EHE propágase sen que as explotacións conten co apoio preciso para facerlle fronte.

Pese ao anuncio realizado sobre a existencia dunha vacina, a día de hoxe o sector nada sabe aínda sobre o plan de aplicación da mesma. Unha situación intolerable que se suma á saturación dos servizos veterinarios e ás dificultades das explotacións para facer fronte á aplicación de tratamentos.

Unións Agrarias lembra os problemas que xa se rexistraron na última campaña de saneamento gandeiro pola falla de efectivos suficientes para acometer en tempo e forma a campaña de vacinación da lingua azul. Nese senso, a organización insta ao goberno galego a reforzar os medios humanos e técnicos dispoñibles para garantir unha cobertura e un tratamento eficaz e áxil da EHE.

Igualmente, Unións Agrarias demanda a activación inmediata dunha partida económica que cubra tanto o pago dos animais mortos a prezo de mercado como os tratamentos dos enfermos e o lucro cesante que a doenza está a provocar nas granxas afectadas. Así as cousas, a organización lembra que pese ás reiteradas peticións realizadas para que a Xunta de Galicia actualice as contías desas subvencións, a día de hoxe estas seguen totalmente desfasadas: por debaixo do valor de mercado e sen ter en conta o lucro cesante causado pola perdas das reses. Un aspecto que xa está a ser subvencionado por outras Comunidades.

A organización agrogandeira apela á sensibilidade da administración autonómica e pídelle que non deixe pasar un minuto máis sen activar medidas e prestar o apoio que o sector produtor, esencial desde o punto de vista socioeconómico e para a xestión do territorio, desempeña.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias