Monforte, 2 de agosto de 2024.- Unións Agrarias lamenta a inacción da Consellería do Medio Rural ante o grave problema de acumulación de stock que afecta á DO Ribeira Sacra. A pesar das reiteradas chamadas de atención e peticións de intervención realizadas ao longo do último ano, a Xunta de Galicia segue sen mover ficha para buscar solucións a unha problemática que comezou a evidenciarse xa na pasada vendima. Así, ás portas desta nova campaña produtores e adegas desta denominación de orixe enfrontan unha situación que pode obrigar a deixar sen recoller a uva duns 600 viticultores.
Un importante volume de uva quedará sen recoller esta vendima na Ribeira Sacra. É a realidade que as adegas están a transmitir ao sector produtor, habida conta da cantidade de stock da campaña pasada que aínda segue acumulado e a difícil situación de mercado que afecta ao conxunto dos tintos a nivel estatal. Así as cousas, Unións Agrarias volve instar á Xunta de Galicia a actuar de inmediato e a activar os mecanismos precisos para activar solucións que garantan a rendibilidade das adegas e viticultores desta denominación de orixe.
Unións Agrarias lamenta que, a pesar das reiteradas solicitudes de intervención, a administración autonómica non teña habilitado aínda ningún tipo de medida extraordinaria. Algo que outras Comunidades si fixeron en tempo e forma. Pola contra, nin a poda en verde nin a destilación de crise propostas nos últimos meses pola organización teñen sido activadas pola Xunta. Unha inacción que a día de hoxe sitúa aos viticultores da Ribeira Sacra nunha situación extrema que augura unha importante caída dos ingresos e pon contra as cordas a rendibilidade da actividade.
A organización agrogandeira fai un chamamento in extremis e insta ao goberno galego a actuar para que os viticultores da zona conten con garantías de recollida na vendima que se aproxima. “Xa non queda tempo, e é fundamental que non queden uvas colgadas e que se garantan prezos por enriba de custos de produción, tal e como marca a lei”.
Unións Agrarias considera imprescindible actuar para garantir a rendibilidade e o futuro dun sector esencial para a economía da comarca debido ao forte vínculo existente entre a viticultura e a conformación da paisaxe, a conservación e a xestión do territorio e a orografía desta zona. ” Falamos dunha DO pequena, pero esencial para o conxunto da comarca: para o turismo e o conxunto do tecido socioeconómico”. Nese senso, a organización fai un chamamento á coherencia e á responsabilidade e insta ao goberno galego a prestar a este sector o apoio que precisa. “Igual que cando outros sectores tiveron problemas se tirou de fondos públicos para axudalos a saír do bache, agora toca poñer cartos enriba da mesa para evitar o abandono das vides da Ribeira Sacra”, asevera Unións; que lembra a candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco á que aspira a zona.
Unións Agrarias considera indispensable que produtores, adegas e administración vai da man e traballen unidos para implementar as solucións que esta DO precisa a curto, medio e longo prazo. A organización entende que o problema de mercados que afecta aos tintos a nivel estatal é un mal común que adegas e produtores deben enfrontar de maneira coordinada, e insta á Xunta a involucrarse para traballar da man e sen máis demora na elaboración dun plan de actuación con visión de futuro e coa vosta posta na promoción, nas exportacións e na apertura de novos mercados internacionais para os tintos; así como na reestruturación de viñedos e na posibilidade de impulsar cambios varietais que aporten valor engadido aos viños da Ribeira Sacra e potencien as súas vendas. “Ou se toman solucións xa ou chegaremos tarde”, conclúe a organización.