Viana do Bolo, 14 de agosto de 2024.- Unións Agrarias ven de manter unha reunión con preto dun cento gandeiros afectados pola Enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) da zona de Viana do Bolo para informalos das medidas exixidas á Consellería do Medio Rural, -con competencias plenas en Sanidade Animal- dada a crecente propagación da praga sen que as ganderías conten co apoio económico preciso e urxente para facerlle fronte.
Unións Agrarias informou aos participantes das solucións reclamadas á Xunta de Galicia no encontro da Comisión de seguimento da semana pasada, na que a organización puxo sobre da mesa a necesidade de impulsar a vacinación e a activar as axudas que o sector precisa para facer fronte á doenza. En concreto, UUAA reclama axilidade, tanto ao goberno autonómico como ao Ministerio de Agricultura, para que activen os orzamentos de choque comprometidos: 15 millóns de euros do Ministerio de Agricultura para todas as CC.AA. co obxectivo de cubrir as incidencias que están a sufrir as ganderías de vacún. Dese montante económico anunciado polo Goberno central a Galicia corresponderíalle 2,5 millón de euros, que a Consellería do Medio Rural se comprometeu a cumprimentar con outros 2,5 millóns para ampliar o abano da medida. Así, desde a organización agraria estableceuse unha táboa de prioridades para tratar de paliar as perdas dos produtores:
– Indemnización polas mortes de animais.
– Reintegro dos gastos de medicamentos dos tratamentos.
– Indemnización polos abortos nas granxas.
– Cobertura dos custos de desinsectación das instalacións gandeiras.
– Cobertura do custo da vacina contra a EHE
Unións Agrarias lembra os problemas que xa se rexistraron na última campaña de saneamento gandeiro pola falla de efectivos suficientes para acometer en tempo e forma a campaña de vacinación da lingua azul. Nese senso, a organización insta ao goberno galego a reforzar os medios humanos e técnicos dispoñibles para garantir unha cobertura e un tratamento eficaz e áxil da EHE.
Na xuntanza desta mañá destacouse a necesidade de que os gandeiros garden todos xustificantes de gastos e perdas para que desde as oficinas de UUAA se poida pode reclamar logo as axudas xa que se vai a exixir que estás teñan carácter retroactivo.