Chantada, 20 de agosto de 2024.- Unións Agrarias acordou hoxe iniciar un calendario de mobilizacións ante a falta de solucións para os viticultores da denominación de orixe Ribeira Sacra. A iniciativa foi acordada no marco dunha asemblea con produtores celebrada en Chantada, na que se puxo de manifesto a situación límite das explotacións pola ameaza das adegas de non recoller a uva na vindeira vendima.
Unións Agrarias denuncia a inacción das administracións e a mala fe dalgunha adega diante o grave problema de acumulación de stock que afecta á DO Ribeira Sacra cunha primeira concentración de viticultores diante do Consello Regulador Ribeira Sacra o vindeiro 6 de setembro.
A pesar das reiteradas chamadas de atención e peticións de intervención realizadas ao longo do último ano, a Xunta de Galicia segue sen mover ficha para buscar solucións a unha problemática que comezou a evidenciarse xa na pasada vendima. Así, ás portas desta nova campaña produtores e adegas desta denominación de orixe enfrontan unha situación que pode obrigar a deixar sen recoller a uva duns 600 viticultores.
Un importante volume de uva quedará sen recoller esta vendima na Ribeira Sacra, esta é ameaza que as adegas están a transmitir ao sector produtor ante a acumulación de stock de viño da campaña pasada. Así as cousas, Unións Agrarias volve instar á Xunta de Galicia a actuar de inmediato e a activar os mecanismos precisos para activar solucións que garantan a rendibilidade das adegas e viticultores desta denominación de orixe.
Unións Agrarias lamenta que, a pesar das reiteradas solicitudes de intervención, a administración autonómica non teña habilitado aínda ningún tipo de medida extraordinaria. Algo que outras Comunidades si fixeron en tempo e forma. Pola contra, nin a poda en verde nin a destilación de crise propostas nos últimos meses pola organización teñen sido activadas pola Xunta.
UUAA considera imprescindible actuar para garantir a rendibilidade e o futuro dun sector esencial para a economía da comarca debido ao forte vínculo existente entre a viticultura e a conformación da paisaxe, a conservación e a xestión do territorio e a orografía desta zona.
Unións Agrarias considera indispensable que produtores, adegas e administración vaian da man e traballen unidos para implementar as solucións que esta DO precisa a curto, medio e longo prazo. A organización entende que o problema de mercados que afecta aos tintos a nivel estatal é un mal común que adegas e produtores deben enfrontar de maneira coordinada, e insta á Xunta a involucrarse para traballar da man e sen máis demora na elaboración dun plan de actuación con visión de futuro e coa vista posta na promoción, nas exportacións e na apertura de novos mercados internacionais para os tintos; así como na reestruturación de viñedos e na posibilidade de impulsar cambios varietais que aporten valor engadido aos viños da Ribeira Sacra e potencien as súas vendas. “Ou se toman solucións xa ou chegaremos tarde”, conclúe a organización.