Santiago 22 de agosto de 2024.- Unións Agrarias manifesta a súa profunda preocupación por ver como se usa, unha vez máis, ao sector gandeiro como moeda de cambio nas guerras comerciais entre a Unión Europea e terceiros países. Nesta ocasión a organización denuncia que o sector lácteo será refén nun conflito internacional entre o ministerio de Comercio chino, que anuncia unha investigación para valorar se contraveñen o libre comercio as axudas comunitarias aos produtores lácteos europeos e a UE que sube os aranceis ás exportacións de coches eléctricos chinos a Europa. UUAA fai un chamado ao ministerio de Agricultura para que medie para evitar alarmas que en nada benefician a estabilidade das rendas das explotacións.
UUAA ve esta situación como unha continuación do episodio do pasado mes de abril, cando o sector porcino galego era ameazado no marco doutra liorta mercantil entre o país asiático e Bruxelas. Unións Agrarias valora como especialmente preocupantes os efectos desestabilizadores destas incertezas comerciais para o sector lácteo galego, xa que poden ser aproveitadas como escusas por determinadas industrias para tentar introducir novas baixadas nas cotizacións do leite.
Unha actitude que por outra parte, carecería de sentido xa que o mercado español é netamente importador dado que a produción interna non cubre o consumo, de feito que por cada euro que exportamos de leite, importamos 1,63 euros. Ademais as cotizacións dos derivados industriais do leite, manteiga, graxa ou leite en po, están en máximos pola grande demanda internacional e cunha tendencia a alza. En calquera caso as exportacións de produtos lácteos españoles a China apenas supoñen o 5% (74, 8 millóns de euros) sobre o volume global das ventas de lácteos a todo o mundo (1.146 millóns de euros).
A organización ve totalmente infundadas as dúbidas sobre as subvencións da PAC, xa que en España están condicionadas a factores de conservación medioambiental e como elemento de compensación das caídas de rendas das granxas polos incrementos dos cusos de produción, polo que non alteran os tratados internacionais.