Santiago, 23 de agosto de 2024.- Unións Agrarias fai un chamamento á Xunta de Galicia para que facilite as accións de caza do xabaril que serán precisas para garantir nas próximas semanas unha axeitada campaña de colleita do millo.
Dende este pasado sábado 17 de agosto está oficialmente aberta a tempada ordinaria de caza do xabaril en Galicia, que se estendera ata o 23 de febreiro de 2025. Neste sentido Unións quere lembrar aos TECOR e Sociedades de Caza, a necesidade de coordinarse en cada zona cos gandeiros, mantendo unha vixilancia activa sobre as mandas do xabaril, a fin de evitar a súa presenza e encamado preto das parcelas de millo, que será especialmente vulnerable nas próximas semanas, a medida que aumente o ritmo do espigado e contido en amidón, e sexa un alimento cada vez máis atractivo para as mandas de xabaril.
Tratase de manter un control activo que permita ir por diante da ocorrencia de graves destrozos nos cultivos como ten sucedido outros anos, polo que deben de comezar xa as medidas de prevención en cada parroquia forraxeira de Galicia. É preciso organizar as primeiras batidas con carácter preventivo que alonxen as mandas dos cultivos cara o monte, e facer accións puntuais de caza mediante esperas onde as batidas non sexan posibles.
Tamén resulta fundamental a estes efectos a implicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a fin de trasladar aos TECOR as zonas onde vaian chegando os avisos dos afectados, pactando actuacións de carácter preventivo e paliativo, e facilitando os permisos e autorizacións pertinentes con rapidez e eficacia. Neste sentido Unións lembra aos afectados a importancia de denunciar os ataques aos cultivos no teléfono 012 para que haxa constancia oficial.
Aínda que este ano o espigado do millo ven con retraso en moitas zonas de Galicia ao terse adiado a sementeira polos problemas das chuvias de primavera, se espera unha boa campaña nas algo máis de 75.000 ha sementadas en toda a Comunidade, que resultan fundamentais para a alimentación do gando de leite e carne durante a parada vexetativa invernal.
Todos os anos se dan perdas moi serias polo efecto das mandas do xabaril no millo, que poden superar os 6 millóns de euros dependendo de cada campaña. Os ataques ocorren maiormente en apenas un mes, entre que a espiga madura e se recolle o millo. Por iso a actividade das máis de 400 TECOR e Sociedades de Caza que existen en Galicia é fundamental precisamente nestas semanas, xa que as súas accións de caza, debidamente planificadas e coordinadas, poden evitar moitas destas perdas, concentrando accións de caza que aloxen e dispersen a presenza do xabaril no entorno das zonas cultivadas nos próximos días.
Colaboración insubstituíble para a prevención destes danos, e que fai da caza social galega o principal instrumento de xestión das poboacións de xabaril e de coidado nas distintas producións agrarias (millo, forraxe, pataca, horta, castaña, uva), colaboración que debe de ser coordinada e facilitada pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
Unións tamén lembra que segundo a Lei 13/2013 de Caza de Galicia, son os TECOR e Sociedades de Caza os responsables do control dos danos, e de indemnizar aos agricultores e gandeiros cando estes se producen, xa que no mes de febreiro do ano 2020 o Parlamento de Galicia rexeitou a Iniciativa Lexislativa Popular do sindicato, que avalada por máis de 6.500 firmas do rural, pretendía trasladar esta responsabilidade de control de poboacións de xabarís e de indemnización de danos á Xunta de Galicia.