Lalín, 30 de agosto de 2024.- Unións Agrarias constata o comezo dos danos do xabaril na Comarca do Deza. As queixas de produtores afectados están a chegar ata as oficinas da organización, tratándose fundamentalmente de destrozos nos cultivos de millo forraxeiro en concellos como Silleda ou Agolada, onde as mandas de xabarís coas súas crías están a provocar cuantiosos destrozos, derribando as plantas para acceder á espiga segundo vai entrando en madurez.
Hai que ter en conta que a comarca do Deza é unha das máis gandeiras de Galicia, con máis de 15.000 hectáreas de cultivo de millo forraxeiro cultivadas anualmente. Supón un 20% aproximado da superficie total deste cultivo en Galicia, cun valor aproximado no momento da colleita duns 37.500.000 de euros. Polo que cada 1% de superficie de millo forraxeiro que poda danar o xabaril no Deza, supoñen perdas de 375.000 euros para os produtores da zona en danos directos, xa que habería que sumar danos indirectos como a perda de nivel nutricional polos adiantos na colleita para evitar os danos.
Ante esta situación, e dado que queda por diante un mes para a colleita do millo no seu punto óptimo de madurez e capacidade nutricional para o gando, Unións Agrarias insta a un esforzo de coordinación dos cazadores e os responsables de Caza e Conservación da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Pontevedra, que debe de poñerse ao fronte deste problema, de xeito que durante este mes se faga o esforzo necesario, debidamente planificado a nivel de lugar e parroquia con cultivo de millo, para disuadir a presenza das mandas de xabaril entre os cultivos e reducir os danos.
Para elo os TECOR e Sociedades de Caza deberán de facer un esforzo de presencia no territorio, organizando as batidas precisas, as esperas e as accións con cans que disuadan a presenza das mandas de xabaril no millo e tendan a fixalas nas zonas de monte onde non producen danos. Por parte da Consellería é esixible unha tramitación inmediata de cantos permisos ou autorizacións administrativas precisen os TECOR de cara a facilitar as intervencións preventivas e de caza.
Asemade Unións recorda a necesidade de que se denuncien todos os ataques a través do teléfono 012, a fin de que quede constancia oficial e sirvan de indicador da presenza de danos e da necesidade de tomar medidas de planificación e prevención nas zonas afectadas de cara ao futuro.
Nas comarcas de vocación máis produtoras de Galicia como a do Deza, é preciso un control máis exixente e planificado do número de xabarís así como un seguimento constante das mandas sobre o terreo, de xeito que o seu número sexa compatible coa presenza dos cultivos e a localización destes animais se centre nos montes e non nos terreos cultivados nin o entorno das casas. Así como unha colaboración máis eficaz por parte da Consellería de Medio Ambiente, que debe de abandonar o seu papel pasivo de observadora da situación, a liderar o control poboacional e as medidas de compatibilización da presenza da fauna salvaxe e cinexética no territorio, coa actividade agrogandeira, así como ser a responsable de indemnizar a totalidade dos danos que este tipo de fauna produza no rural galego.