Chantada, 3 de setembro de 2024.- Unións Agrarias valora que, logo do anuncio de mobilizacións por parte dos produtores, a Consellería comece a dar pasos solventar o problema de acumulación de stock que afecta á Ribeira Sacra. Porén, a organización ve moi insuficiente a proposta anunciada onte polo presidente da Xunta de Galicia, e seguirá adiante coas mobilizacións previstas para reclamar solucións acordes á grave ameaza que sofren os viticultores desta denominación de orixe.
Unións Agrarias mantén plenamente o calendario de mobilizacións acordado nas asembleas con viticultores celebradas ao longo das últimas semanas. Accións arrincarán cunha concentración en Monforte de Lemos, diante da sede do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra, ás 12 horas deste venres 6 de setembro.
A organización agraria destaca que, dado que o tamaño medio das explotacións desta denominación de orixe apenas supera os 6.000 m², a liña de axudas anunciada tralo Consello da Xunta deste luns suporía unha achega de apenas 1.000 euros para os produtores con cultivo en bancais, e de 500 euros para os demais. Unha aportación de todo punto insuficiente para pagar o traballo e os custos de produción de todo un ano dos 2.134 colleiteiros repartidos nas 1.310 hectáreas que acolle a DO Ribeira Sacra.
UUAA insiste en que os produtores precisan que se garanta a vendima, polo que reclama que ademais de mellorar as axudas se actúe coas adegas para facilitarlles a liberación de stock, ao igual que se fixo durante a pandemia, e deste xeito favorecer o incremento da súa capacidade de recollida dentro do marco normativo que establece a Lei de Cadea Alimentaria.
Unións Agrarias lamenta que a pesar das reiteradas chamadas de atención e peticións de intervención realizadas ao longo do último ano, a Xunta de Galicia actúe in extremis e deixase pasar todo un ano sen mover ficha para buscar solucións a unha problemática que comezou a evidenciarse xa na pasada vendima.
UUAA considera imprescindible actuar para garantir a rendibilidade e o futuro dun sector esencial para a economía da comarca debido ao forte vínculo existente entre a viticultura e a conformación da paisaxe, a conservación e a xestión do territorio e a orografía desta zona.
Asimesmo, Unións Agrarias considera indispensable que produtores, adegas e administración vai da man e traballen unidos para implementar as solucións que esta DO precisa: a curto, pero tamén a medio e longo prazo. A organización entende que o problema de mercados que afecta aos tintos a nivel estatal é un mal común que adegas e produtores deben enfrontar de maneira coordinada, e insta á Xunta a involucrarse para traballar da man e sen máis demora na elaboración dun plan de actuación con visión de futuro e coa vista posta na promoción, nas exportacións e na apertura de novos mercados internacionais para os tintos; así como na reestruturación de viñedos e na posibilidade de impulsar cambios varietais que aporten valor engadido aos viños da Ribeira Sacra e potencien as súas vendas. “Ou se toman solucións xa ou chegaremos tarde”, conclúe a organización.