UNIÓNS AGRARIAS RECLAMA A AXILIZACIÓN E ACTUALIZACIÓN DAS SUBVENCIÓNS POR MORTE POR EHE

Insta á Xunta a costear tratamentos e desinsectación, como xa están a facer outras CCAA

Unións Agraria insta á Xunta de Galicia a actualizar os importes das subvencións por EHE de xeito que se cubran tanto a totalidade dos custos ocasionados polo tratamento desta doenza como o lucro cesante provocado pola morte de animais. A organización, que xa ten solicitado unha xuntanza coa conselleira do Medio Rural para abordar esta problemática, fai un chamamento para que a administración autonómica reflexione e revise á alza uns importes totalmente desfasados e moi inferiores tanto aos que aplican outras Comunidades Autónomas como aos que a mesma Xunta abona en caso de que o falecemento da res fose provocado polo lobo.

“Resulta moi difícil explicarlle a un gandeiro que a súa vaca vale menos se morre por EHE, brucelose ou outra doenza que se a mata o lobo”. É a reflexión que Unións Agrarias pon sobre a mesa para abrir o debate sobre unha situación problemática que a organización entende debe ser atendida e correxida de inmediato.

Coa enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) extendida por 27 comarcas das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra, a gandería galega enfronta un grave problema que está a ocasionar importantes perdas ás explotacións. E é que ao custo dos tratamentos e os gastos de desinsectación hai que sumar os derivados polas secuelas que deixa a doenza, como perda da fertilidade dos bois, así como a caída da produción e dos ingresos que a enfermidade ocasiona ás explotacións.

A día de hoxe as indemnizacións que a Xunta aplica en caso de EHE limítanse a unha cativa achega en caso de morte do animal. A mesma contía que subvenciona no caso de que o falecemento sexa provocado por outro motivo sanitario, e que a administración autonómica leva sen actualizar desde 2011.

O importe que un gandeiro galego recibe neste momento en caso de morte dunha vaca por EHE oscila entre os 286,89 e os 661,29€, dependendo da raza e idade do animal. Porén, a aportación da Xunta de Galicia limítase aos casos de morte, e non está a cubrir ningún dos gastos que a doenza ocasiona nas explotacións. Algo que si fan xa outras Comunidades, como Castela e León ou Cantabria. Ademais, a diferenza entre a subvención por morte por EHE entre Galicia e esta última Comunidade pode chegar a superar os 700€. Unha variación que se acentúa e se volve especialmente sangrante dentro da propia administración galega, dependendo de se é a Consellería de Medio Rural ou a de Medio Ambiente a que debe facerse cargo do pagamento.

Así as cousas, Unións Agrarias insta ao goberno galego a actualizar as contías das subvencións por morte por EHE de xeito que cubran a totalidade dos gastos e o lucro cesante provocado pola doenza; así como a aplicar un baremo obxectivo que evite a enorme diferenza que existe respecto ás subvencións de ataque por lobo, que oscilan entre os 956,80 e os 4.109,30€ por animal morto, dependendo de raza e idade.

A organización tamén lanza unha petición ao Ministerio para que permita a comercialización de animais que non teñan completado a pauta de vacinación da lingua azul. Unha circunstancia que o goberno tiña autorizado ata o 8 de setembro. Ás portas desta data a realidade é que o número de animais de explotacións galegas que non contan aínda coas dúas aplicacións da vacina é moi alto, e o custo de mantelos paralizados sen poder sacalos a mercado máis aínda. Nese senso, Unións Agrarias lembra que non existe risco sanitario asociado ao consumo da carne ou leite de animais infectados, e insta ao goberno central a prorrogar esa data e a evitar o colapso e as incremento dos gastos e perdas das explotacións.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias