MEDIO MILLEIRO DE VITICULTORES DA RIBEIRA SACRA SECUNDAN A MOBILIZACIÓN POLO FUTURO DESTA DO

Condenan a resposta "tibia e insuficiente" da Consellería a un problema grave que ameaza con levar por diante o sector
< title="Concentración en Monforte polo futuro da viticultura na Ribeira Sacra" width="800" height="450" src="https://www.youtube.com/embed/WEa2H03gcUY?feature=oembed" frameborder="0" allow="accelerometer; autoplay; clipboard-write; encrypted-media; gyroscope; picture-in-picture; web-share" referrerpolicy="strict-origin-when-cross-origin" allowfullscreen>

Arredor de cincocentos viticultores da Ribeira Sacra congregáronse este venres ás portas da sede do Consello Regulador desa denominación de orixe en Monforte para esixir solucións que garantan a rendabilidade presente e futura do sector. Os produtores secundaron a concentración convocada por Unións Agrarias e o Sindicato Labrego Galego para denunciar a insuficiente actuación da Xunta ante un problema estrutural que comezou a evidenciarse xa na pasada vendima; e que, sen un plan de acción ambicioso que inclúa medidas a curto, medio e longo prazo, ameaza con levar por diante un sector esencial para esta zona de montaña. A protesta inicia un calendario de mobilizacións que, no caso de non obter unha resposta satisfactoria ás demandas realizadas, continuará o vindeiro venres en Lugo.

A pé de rúa, Unións Agrarias volveu reclamar hoxe «que nesta vendima non quede un só quilo de uva sen recoller, e que se pague a prezos dignos». Pero tamén que a Xunta convoque con urxencia unha mesa de traballo para procurar, xunto con adegas, produtores e Consello Regulador, solucións ao problema estrutural que temos diante.

Na Ribeira Sacra a viticultura é moito máis que unha actividade produtiva: falamos dun tema de enorme calado socioeconómico e medioambiental que require dunha actuación contundente que garanta a rendabilidade e a continuidade dunha actividade intimamente ligada ao turismo, a conformación da paisaxe e a xestión do territorio.

«Se nesta vendima queda uva sen recoller ese será o primeiro paso cara ao abandono, incompatible coa declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade que neste momento está enriba da mesa». Así o lembraba Unións Agrarias na mobilización desta mañá.

Mentres a pé de rúa vititicultores e viticultoras chegados de distintos puntos da Ribeira Sacra coreaban consignas como «a xente non emigra, esto é unha ruina», «presidente, escoita, a Ribeira Sacra está en loita» ou «se non hai solucións, que haxa dimisións»; representantes das organizacións convocantes reuníronse co presidente do Consello Regulador para valorar as medidas que este luns anunciaba o presidente da Xunta de Galicia. Unhas medidas que, tanto Unións Agrarias como o conxunto dos viticultores afectados, valoran como insuficientes.

< title="Concentración en Monforte polo futuro da viticultura na Ribeira Sacra 6/9/2024" width="800" height="450" src="https://www.youtube.com/embed/IDcxxU6tbFk?feature=oembed" frameborder="0" allow="accelerometer; autoplay; clipboard-write; encrypted-media; gyroscope; picture-in-picture; web-share" referrerpolicy="strict-origin-when-cross-origin" allowfullscreen>