Santiago, 11 de setembro de 2024.- A asociación de propietarios de terreos eólicos Ventonoso advirtiu na súa charla informativa do pasado luns que o concello de Muras perderá no futuro 500.0000 euros anuais de ingresos de canon eólico, no caso de completarse a repotenciación total dos parques presentes no concello de non cambiarse a actual lei da Xunta. Como exemplo o presidente de Ventonoso, José Antonio Diéguez, explicou a repotenciación en curso dos parques de Iberdrola, Muras I e Muras II, xa en proceso de alegación pública, e con prazo de alegacións aberto ata o 15 de outurbo. Estes parque pasarán dos 74 aparatos actais a unicamente 11 aparatos de 4,3 MW de potencia, de novas ubicacións. Aparte de que moitos propietarios onde están ubicados os aparatos a desmantelar deixarán de cobrar polo alquiler do solo cando os quiten, a repotenciación suporá unha caída importantísima das arcas do Concello, xa que o Canon Eólico regulado pola Xunta, se paga por número de aparatos e non por potencia instalada. Así, cando se completase a repotenciación ao longo dos próximos anos no conxunto do Concello, os 380 aeroxeradores actuáis instalados en Muras, que xeran un Canon eólico de 2.242.000 euros ao ano para a Xunta, dos que esta transfire ao Concello un 25% aproximadamente, é dicir uns 560.000 euros ao ano, ao pasarse a únicamente 55 muiños, o Canon caerá previsiblemente ata 225.000 euros para a Xunta, dos cales ingresaría ao Concello apenas 56.000 euros. As arcas municipais de Muras pasarían polo tanto a cobrar apenas 56.000 euros ao ano fronte aos 560.000 actuais, unha debacle económica polo descenso de muiños, a pesar de que a potencia instalada sería a mesma e a rentabilidade dos parques maior.
Ademais, no encontro informativo cos veciños de Muras e Ourol animouse a presentar alegacións sobre diversos aspectos técnicos abordados, como as distancias dos novos muíños ao solo de núcleo rural non delimitado, e aconsellouse a numerosos afectados que aparecen na relación de bens afectados, que clarifiquen a situación coa empresa e o Catastro, xa que en varios casos detectados se trata de terreos vendidos no seu momento, xa por tanto propiedade da empresa dende fai 25 anos, pero que seguen figurando a nome dos anteriores titulares, polos que estas persoas ou os seus herdeiros, probablemente levan pagando o IBI os últimos 25 anos de terreos que xa non lles pertencen. Podería ser neglixencia da empresa por non regularizar a situación no Catastro. Neste sentido, Unións Agrarias e Ventonoso instaron aos propietarios afectados facer valer o terreo recualificado urbanisticamente como solo de infraestruturas enerxéticas á hora de negociar os novos prezos coa empresa nas novas ocupacións, xa que a diferencia da primeira instalación do parque xa non son solos rústicos agropecuarios, co que o valor económico dos terreos xa recualificados nunha hipotética valoración ou expropiación sería diferente.
Ventonoso demanda un cambio urxente da normativa da Xunta para evitar esta debacle en Muras, Ourol e o resto de Concellos de Galicia onde se irá completando a repotenciación nos próximos anos. Asemade, considera necesario que a cidadanía conte con compensacións sociais por parte da empresa que beneficien ao conxunto dos veciños de Muras, alén dos propietarios directamente afectados polas infraestruturas dos parques. Iniciativas como a posta en marcha de comunidades enerxéticas ou plans de contido social. A charla informativa enmarcouse dentro do programa de actos informativos a veciños e propietarios afectados por paques eólicos na provincia de Lugo, conveniado coa Deputación Provincial de Lugo.