UNIÓNS AGRARIAS ESIXE MEDIDAS PROACTIVAS PARA FREAR OS CONTINUOS DANOS DO XABARIL NO DEZA

Insta a administración e cazadores a involucrarse para frear os cuantiosos destrozos que están a producirse nos cultivos de millo

Lalín, 12 de setembro de 2024.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia e aos colectivos de cazadores a involucrarse e a actuar sen demora para poñer couto aos cuantiosos danos que o xabaril está a provocar no Deza. Os destrozos nas parcelas de millo escalan a medida que este vai madurando e as entradas das mandas nos campos aumentan. Ao igual que o malestar dos agricultores e gandeiros da comarca, que se estenden, entre outros municipios, por Lalín, Agolada e Vila de Cruces.

Unións Agrarias lembra que aínda quedan entre 15 días e un mes para a recollida do millo no seu punto óptimo de potencial nutritivo para as racións do gando. Polo que, ante as reiteradas e cada vez máis cuantiosas incursións do xabaril nos campos de cultivo, os productores do Deza enfróntanse á decisión de agardar ao punto de madurez do millo ou recoller anticipadamente as colleitas nas parcelas máis expostas. Unha solución in extremis que permitiría salvar a parte da colleita que aínda resiste aos ataques do porco bravo, pero que lles suporía unha caída do rendemento asociada á falta de madurez do millo, que aínda non ten acadado o seu punto óptimo de almidón, proteína e fibra.

Basta dar unha volta polas fincas de practicamente calquera parroquia da comarca para observar os estragos das mandas con crías nas parcelas, con importantes extensiósn de plantas derribadas e carreiros polo medio das parcelas de millo. Factores que ademais diminuirán o rendemento do colleitado da maquinaria e perxudicarán a calidade do proceso de ensilado.

Así as cousas, Unións Agrarias fai un chamamento aos TECOR e Sociedades de caza da comarca, así como ao Servizo Provincial de Conservación da natureza, para que encaren o problema e tomen medidas inmediatas para disuadir a presenza destes animais nas parcelas de cultivo e limitar o alcance dos estragos.

Aínda que Unións Agrarias tentou no ano 2020 un cambio de normativa na Lei de Caza de Galicia mediante unha iniciativa lexislativa popular, a día de hoxe a responsabilidade dos danos provocados polo xabaril continúa a ser dos TECOR e Sociedades de caza, aos que os afectados poden esixir o custo dos mesmos en caso de actitudes neglixentes e de falta de interese á hora de impulsar medidas preventivas.

Unións Agrarias fai un chamamento para que a pasividade coa que se está a enfrontar a situación cese inmediatamente e insta a administración e colectivos cinexéticos a actuar con responsabilidade ante ante a escalada de danos. Igualmente, a organización agrogandeira recomenda aos afectados que dean parte ao 012 dos ataques. Algo que moitos non están a facer debido ao desánimo xeralizado e a resignación ante a repetición duns danos que se suceden campaña tras campaña.

Unións Agrarias tamén lembra que existe unha liña de axudas da Xunta para cubrir os primeiros 2.750 euros de danos, pero  para ter acceso a eles é necesario dar parte para que as inspecións dos axentes se realicen antes da recollida do millo. En todo caso, a organización recomenda aos afectados que recollan probas dos danos para posibles reclamacións xudiciais, tales como anotar o polígono e parcela, sacar fotos xeorreferenciadas dos estragos co teléfono móbil, e mesmo  documentar os ataques con vóos de dron se teñen a posibilidade.

Unións Agrarias lembra que, alén das solución inmediatas que é preciso implementar para romper o ascenso dos estragos que neste momento están a producirse nas fincas, é preciso que a administración se implique na procura de solución e deixe de comportarse como unha simple observadora. Nese senso, insiste na necesidade de abordar a situación con rigor e responsabilidade para evitar que os estragos se repitan nas futuras campañas.

Nas zonas de vocación productora como o Deza, con máis de 15.000 hectáreas de cultivo e unha nutrida presenza de granxas de porcino que poderían verse afectadas sanitariamente de presentarse un problema zoosanitario nos xabaríns, non pode proliferar o xabarín desta forma. Nese senso, Unións Agrarias demanda un estudo rigoroso da situación e un plan de choque que permita conter as poboacións, utilizando de ser preciso métodos complementarios á caza social, como o uso de xaulas para retirar mandas das zonas habitadas e das áreas de cultivo.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias