Santiago, 12 de setembro de 2024.- Unións Agrarias valora que se empecen a dar pasos por parte da Consellería logo das mobilización por parte dos produtores o pasado venres en Monforte de Lemos. Con este plantexamento acudirá mañá a reunión de urxencia que ven de convocar a conselleira do Medio Rural en Santiago para presentar un novo paquete de medidas.
Á espera de coñecer as propostas concretas para poder tomar unha decisión definitiva UUAA, de cara a facilitar a negociación, vai suspender a mobilización de prevista para mañá venres en Lugo diante da delegación da Xunta de Galicia. Porén, a organización non dubidará en volver á protesta no caso de que a oferta da Consellería non cubra as necesidades dos viticultores.
UUAA insiste en que os produtores precisan que se garanta a vendima polo que reclama que ademais de mellorar as axudas, se debe de actuar coas adegas para facilitarlles a liberación de stocks, o igual que se fixo durante a pandemia, e deste xeito favorecer o incremento da súa capacidade de recollida sempre que esta se realice dentro do marco normativo da Lei de Cadea Alimentaria. UUAA considera imprescindible actuar para garantir a rendibilidade e o futuro dun sector esencial para a economía da comarca debido ao forte vínculo existente entre a viticultura e a conformación da paisaxe, a conservación e a xestión do territorio e a orografía desta zona.
A organización entende que o problema de mercados que afecta aos tintos a nivel estatal é un mal común que adegas e produtores deben enfrontar de maneira coordinada, e insta á Xunta a involucrarse para traballar da man e sen máis demora na elaboración dun plan de actuación con visión de futuro e coa vista posta na promoción, nas exportacións e na apertura de novos mercados internacionais para os tintos; así como na reestruturación de viñedos e na posibilidade de impulsar cambios varietais que aporten valor engadido aos viños da Ribeira Sacra e potencien as súas vendas. “Ou se toman solucións xa ou chegaremos tarde”, conclúe a organización.