UNIÓNS AGRARIAS OBTÉN O COMPROMISO DA XUNTA DE HABILITAR SOLUCIÓNS DE PRESENTE E FUTURO PARA A VITICULTURA DA RIBEIRA SACRA

A organización participou hoxe na xuntanza de urxencia convocada pola Consellería do Medio Rural

Unións Agrarias participou este venres na xuntanza que inaugura a folla de ruta conxunta para impulsar solucións que garantan a viabilidade presente e futura dos viticultores da Ribeira Sacra. O encontro de urxencia convocado pola Consellería do Medio Rural permitiu evidenciar a boa disposición da administración autonómica para conseguir que nesta campaña non quede uva sen recoller. Pero tamén para deseñar un plan de acción para que a situación non volva repetirse no futuro.

O secretario xeral de Unións Agrararias-UPA, Roberto García; o secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa, Félix Porto; e o secretario técnico da Sectorial Vitivinícola da organización, Carlos Basalo; acudiron este venres ao encontro convocado pola Consellería do Medio Rural para comezar a traballar na elaboración dun plan de acción que aporte solucións acordes á problemática que enfrontan os viticultores da Ribeira Sacra. Un encontro que permitiu constatar a vontade do goberno galego de impulsar, da man do sector, as accións precisas para que a Ribeira Sacra continúe a ser o referente de viticultura heroica que é hoxe.

Unións Agrarias celebra o compromiso amosado pola Xunta de Galicia para buscar e articular mecanismos legais que garantan que nesta campaña ningún viticultor quede coa uva sen recoller. Pero tamén para seguir traballando, da man do sector, para solucionar o problema estrutural que afecta ao mercado de tintos, e que se ceba especialmente coa DO Ribeira Sacra.

Unións Agrarias entende que coa xuntanza e a postura amosada hoxe pola Consellería se cumpre o obxectivo da concentración de protesta celebrada a semana pasada en Monforte: iniciar a senda do diálogo e o traballo conxunto para procurar as solucións consensuadas que o sector precisa. E é que, alén das medidas a curto prazo, a xuntanza deste venres dá o pistoletazo de saída á Mesa de Traballo na que, da man de produtores, adegas e Consello Regulador, a Xunta se ten comprometido a continuar traballando, coas miras postas no medio no longo prazo. Un paso fundamental para garantir o futuro desta DO e conseguir que a situación desta campaña non volva repetirse no futuro.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias