UNIÓNS AGRARIAS CONDENA QUE A XUNTA SE DESENTENDA DOS PROBLEMAS DO SECTOR CÁRNICO DE VACÚN

Considera un desprezo e un incumprimento intolerable a retirada das axudas a esta produción anunciada no Parlamento

Santiago, 16 de setembro de 2024.- Unións Agrarias considera intolerable o paso atrás que a Xunta de Galicia ven de dar en relación ao cárnico de vacún. A organización ten acollido con sorpresa e indignación o anuncio da cancelación das axudas de apoio a esta produción que hai uns días o director xeral de Gandería da Consellería do Medio Rural facía no Parlamento de Galicia. Unha actuación que supón un claro desprezo a un sector estratéxico para o rural galego que nestes momentos enfronta serios retos no que a adaptación a novos requerimentos e relevo xeracional se refire.

Un desprezo ao sector produtor de carne de vacún que non pode tolerarse. Así interpreta Unións Agrarias a anulación das axudas a esta produción que hai uns días anunciaba o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias en sede parlamentaria. Unhas achegas creadas hai un ano para facer fronte á suba de custos e á difícil situación económica que atravesaba o sector e que o propio presidente Rueda se tiña comprometido a manter por dous anos.

Unións Agrarias non entende que a Xunta dea marcha atrás e retire este apoio a un sector en reconversión, lastrado pola alta media de idade dos titulares de explotacións e que neste momento debe realizar investimentos para cumprir cos novos requerimentos de benestar animal, ou cos retos que marcan as últimas modificacións sobre acabado de animais realizadas no prego de condicións de Ternera Gallega.

Así as cousas, Unións Agrarias insta á Xunta a rectificar e a manter un apoio esencial para un sector produtor imprescindible que, alén de criterios económicos, debe ser valorado polo papel social e ambiental que desempeña. A organización entende que o apoio a este modelo de produción debe manterse e garantirse neste e en anos sucesivos. Así, fai un chamamento para que a Xunta habilite os mecanismos precisos para que no futuro as axudas á gandería de carne de vacún se integren na PAC; e a buscar a fórmula precisa para que no actual exercicio poidan chegar á totalidade do sector.

Unións Agrarias lembra os problemas que o ano pasado supuxo o deseño dunhas achegas que a Xunta de Galicia ligou aos tenreiros comercializados dentro da IXP Ternera Gallega. Un plantexamento que a organización agrogandeira criticou dende o comezo e que supuxo importantes desaxustes e levou á saturación do mercado. Así, como xa fixera daquela UUAA volve instar á administración autonómica a mudar uns criterios de concesión que xa o ano pasado deixaron fóra a unha importante parte do sector; e a manter o apoio económico a unha produción que en ningún caso pode pasar un ano sen contar co respaldo da administración.

Unións Agrarias fai un chamamento para que os esforzos que xa se realizaron no pasado coa creación da Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico non caian en saco roto e se traduzan en medidas e accións promocionais que aporten estabilidade e garantan o relevo xeracional nun sector imprescindible para as áreas máis castigadas do rural galego.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias