Santiago, 17 de setembro de 2024.– O xulgado nº 3 de Pola de Siero en Asturias, ven de desestimar a denuncia por difamación presentada por Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA Food) contra Unións Agrarias, logo de que a organización agraria criticara o modus operandi dunha industria que xa foi sancionada pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia por pactar prezos e incorrer en prácticas anticompetitivas en detrimento dos intereses e dereitos dos produtores.
A sentenza emitida polo xulgado asturiano desmonta todas e cada unha das acusacións realizadas por CAPSA contra Unións Agrarias ata concluir que “las actuaciones atribuidas a los demandados se encuentran en el ámbito propio de la actividad sindical de UUAA”.
Neste sentido cando UUAA cualifica de “cártel” esas prácticas comercias, e que foi motivo entre outros da demanda, a propia sentenza se recoñece que “… En cuanto al uso del término “cártel” no puede obviarse que, si bien no fue usada expresamente en la resolución sancionadora dictada por la Comisión Nacional de los Mercados y de la Competencia en fecha de 11 de junio de 2019 a tal concepto es asimilable la conducta que fue objeto de sanción en la misma por infringir lo dispuesto en el artículo 1 de la Ley 15/2007, de 3 de julio de Defensa de la Competencia…”
Do mesmo xeito, a sentenza constata que definir como “apartheid” o feito de que os gandeiros galegos cobren 5,5 céntimos/l menos por un leite da mesma calidade que os asturianos “no se considera que exceda el límite admisible para la libertad de expresión”.
A organización agrogandeira lamenta que a empresa asturiana, lonxe de preocuparse polo futuro do sector lácteo galego e pola base produtora do mesmo, se dedique a amedrentar e frear a actividade da organización na defensa dos intereses das explotacións. Unións Agrarias lembra que a negociación colectiva é o único camiño para acadar unhas relacións máis xustas e igualitarias entre produtores e industria. O contrario é impoñer a lei do mais forte; unha estratexia coa que CAPSA non vai saír vitoriosa xa que, sen gandeiros, tampouco son necesarias as fábricas que procesan o leite, porque xa se encargará a distribución de traer as súas propias marcas envasadas.
Finalmente, a organización reitera o desaxuste claro que existe entre o prezo que as industrias lácteas pagan aos produtores galegos e aos asturianos. Unha diferenza de prezo constatable e que, ao igual que Unións Agrarias, tamén ten denunciado publicamente a Consellería do Medio Rural.