UNIÓNS AGRARIAS CONDENA A ALARMA INXUSTIFICADA CREADA POR CATASTRO

Lamenta que se criminalice e se poña en entredito ao conxunto do sector produtor polo que non son máis que casos illados

Santiago, 18 de setembro de 2024.- Unións Agrarias lamenta a alarma inxustificada que a inspección sobre titularidade de parcelas e acceso a subvencións PAC iniciada por Catastro está a xerar no rural galego. A organización agrogandeira entende que a campaña masiva iniciada coa remisión de milleiros de cartas a titulares de fincas xera un caldo de cultivo preocupante que pode levar a un aumento do abandono; e critica un modus operandi que parece querer facer norma do que non son máis que casos illados e que criminaliza de xeito inxusto ao sector produtor no seu conxunto.

Unións Agrarias insta á administración a actuar con cordura e a non impulsar procedementos que poden xerar máis perxuízos que beneficios no rural galego. Se ben a organización se amosa completamente a favor de que se investigue e se poña couto a calquera forma de fraude que poida estar a darse en relación á tramitación das axudas da PAC ou noutro eido, critica un procedemento completamente inadecuado nas formas.

A desactualización existente entre os datos que figuran nas oficinas do Catastro e a titularidade actual dunha enorme parte das fincas galegas é unha realidade evidente e ben coñecida, con datos que non se actualizan dende hai varias xeracións. Porén, Unións Agrarias entende que esa posta ao día non pode partir do envío masivo de comunicacións coercitivas e intimidatorias e ameazas de sancións que xeran preocupación e poden desincentivar a cesión de terras.

A organización lamenta que a administración continúe impulsando actuacións que, na práctica, poden supoñer unha traba para o acceso á terra e o mantemento da actividade agrogandeira. Así, insta ao Goberno a actuar con coherencia e non tomar medidas que obstaculizan a actividade do sector produtor e que poderían levar a un aumento do abandono.

O acceso á terra é un dos problemas que afecta ao sector agrogandeiro en Galicia; unha Comunidade na que as explotacións dispoñen da metade de superficie agraria útil que a media estatal e na que a mobilización e posta a disposición de quen precisa da terra en desuso segue a ser tarefa pendente.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias