Lugo, 18 de setembro de 2024.- Unións Agrarias ven de solicitar unha xuntanza de traballo co delegado territorial da Consellería de Medio Ambiente en Lugo, Jesús Montouto González, a fin de tratar os ataques do lobo a explotacións gandeiras que están a darse na zona do Vicedo.
O recente ataque á explotación do lugar de Abelaedo na parroquia de San Román, fixo saltar a alarma, xa que supuxo a morte dun segundo can mastín da explotación nun intervalo de 3 semanas, e cando suman máis ataques con morte a outros mastíns da zona, que son mortos e devorados polo lobo, incluso co colar de protección. Dáse a circunstancia que o último ataque, que acabou coa cadela Laika, deuse diante dunha muller de avanzada idade, que non poido senón berrar para espantar aos lobos dende a casa, os cales ignoraron a presenza humana.
Que haxa unha manda de lobos especializada en matar mastíns de garda nunha área tan restrinxida, na propia porta das casas, é unha fonte de preocupación e alarma social que afecta non só aos gandeiros, senón que preocupa a gran parte da poboación rural de O Vicedo, pola posible escalada e dinámica a que pode estar apuntando este risco.
Nesta reunión de traballo, Unións vai solicitar un informe técnico, por parte de técnicos e axentes facultativos da Consellería de Medio Ambiente, a fin de que ditaminen sobre a ubicación, estrutura e comportamento e perigosidade desta manda, ou mandas de lobos que ronda nesta zona, como primeiro paso para tomar medidas de control ou desprazamento deste grupo de depredadores.
Asemade o sindicato quere lembrar que, aínda que o LESPRE prohibe a caza cinexética do lobo como especie de caza, deixa a porta aberta a posibles accións regradas de caza mediante esperas, de darse situacións de acoso reiterado a explotacións, ou ameazas para a seguridade das persoas e despois de informe técnico xustificativo. Non obstante esperará ao resultado da reunión, e no seu caso ao informe técnico antes de demandar accións concretas de control.
Unións Agrarias considera que unha vez incorporado o lobo ao catálogo LESPRE de especies protexidas, é o momento da xestión, da implicación da Consellería de Medio Ambiente nunha nova forma de traballar, que afronte as diferentes casuísticas que se están a dar nas explotacións, e que deixe atrás a pasividade e a mera toma de datos dos ataques por parte dos axentes medioambientais, para pasar a ser elementos activos no seguimento e toma de decisións que resolvan os conflitos sobre o terreo da convivencia do lobo co exercicio da gandeira.