UNIÓNS AGRARIAS OBTÉN O COMPROMISO DA XUNTA DE ACTUALIZAR AS INDEMNIZACIÓNS POR EHE

Queda pendente a cobertura do lucro cesante provocado pola baixada de produción e os abortos asociados á doenza, que a organización agarda sexa tida en conta

A Xunta de Galicia actualizará o importe da subvencións que concede no caso de morte de animais por enfermidade hemorráxica epizoótica e incluirá os gastos de tratamentos e desinsectización de instalacións das explotacións afectadas por esta doenza. Tras meses batallando para que a administración autonómica revisase unhas contías totalmente desactualizadas, Unións Agrarias obtivo esta mañá o compromiso verbal do director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, Xosé Balseiros, de modificar estas subvencións de xeito suficiente para facer fronte á realidade do custo económico que a EHE está a supor para as granxas galegas.

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa da organización, Félix Porto, participaron esta mañá nunha xuntanza de traballo convocada pola Consellería do Medio Rural para procurar solucións acordes á magnitude dos problemas que a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) está a provocar nas explotacións galegas. Un encontro satisfactorio tralo que a organización agrogandeira valoraba a vontade negociadora amosada pola Xunta de Galicia.

Á espera de que os principios e a filosofía do acordo acadado se concreten en números concretos, a xuntanza valeu para deixar sobre a mesa o compromiso explícito da Xunta de facer fronte aos gastos de tratamentos e desinsectación das granxas afectadas, así como de elevar a contía das subvencións concedidas en caso de morte das reses. Unha actualización da que se beneficiarán non só os futuros afectados, senón tamén as granxas que nos últimos meses xa percibiron unha achega por este concepto.

Unións Agrarias valorou a vontade da Xunta de redeseñar o valor das subvencións concedidas en caso de morte de animais para buscar un tratamento igualitario e rematar co sensentido que está a darse neste momento, cuns importes totalmente diverxentes dependendo de se o animal morreu por enfermidade ou por ataque do lobo.

Pendente queda aínda a cobertura do lucro cesante provocado pola redución da produción e os abortos que están a darse en animais que pasaron a EHE. Un extremo que Unións Agrarias considera irrenunciable e en relación ao cal a organización insta a “seguir traballando para buscar fórmulas” que permitan compensar estas consecuencias da enfermidade. Na mesma liña, Unións Agrarias fai un chamamento para que a EHE se inclúa nas coberturas dos seguros agrarios.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias