UNIÓNS AGRARIAS E VENTONOSO URXEN UN GRAN PACTO POLÍTICO E SOCIAL PARA A REFORMA DA LEI EÓLICA DE GALICIA

A organización sindical, ademais, sinala que a nosa terra ten un gran potencial eólico que cómpre aproveitar para xerar máis riqueza nun marco normativo ‘onde todos nos sintámos cómodos’

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2024. Ventonoso e Unións Agrarias deron, a pasada semana, unha rolda de prensa conxunta onde se abordaron distintos temas de actualidade eólica, relacionados cos anuncios da Xunta de Galicia sobre a súa intención de proceder a redactar un novo Plan Sectorial Eólico, coa fin de levar a cabo unha serie de reformas normativas referentes a diversos aspectos do desenvolvemento dos parques eólicos. Na convocatoria, mediada por Xacobo Feijoó, responsable da Área de Desenvolvemento Rural, tamén se valoraron os contidos concretos do Proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, ou “Lei de acompañamento” para o ano 2025.

Asemade, durante a súa intervención, Jose Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso, e Félix Porto, secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións Agrarias debullaron as súas propostas, a desenvolver e incorporar, na anunciada normativa sectorial eólica de inmediato desenvolvemento polo goberno autonómico, a fin de contar cun marco máis xusto coa propiedade e poboación rural do territorio galego, así como máis sostible para o medio ambiente.

No referente as distancias dos xeradores aéreos a núcleos de poboación, e casas illadas ou explotacións agrarias, Ventonoso denuncia que a proposta da Xunta de Galicia tal e como está creará inseguridade xurídica, xa que aínda que esta fixaría en 5 veces a altura do fuste e a pala aos solos de núcleo rural delimitado (o que daría distancias superiores a 1 km para aparatos superiores a 200 m de altura), deixa soamente 200 m a casas illadas. O presidente da asociación eólica fai fincapé no feito de que preto dun 57% dos núcleos de poboación galegos son considerados hábitat disperso, polo que os numerosos lugares e aldeas están aínda sen delimitar dende o punto de vista urbanístico. Desta forma pasaría a aplicárselles os 200 m de distancia, mais con todo, a maior parte das veces, a normativa de ruídos dos aparatos non cumpriría esa distancia mínima legal.

No caso das repotenciacións parece excesiva a obriga de substitución de aparatos aos 25 anos de servizo. Prorrogar a súa vida útil, entende Diéguez, sería a mellor solución con fórmulas como as inspeccións técnicas periódicas onde se asegurase a plena operatividade e seguridade das máquinas, aínda superando os 25 anos parece o máis axeitado, incentivador do mantemento dos mesmos, e máis sostible dende o punto de vista medioambiental.

En canto ó canon eólico, consideran que chega tarde para as zonas xa repotenciadas. En todo caso, secomasí a Xunta de Galicia deu marcha atrás na súa intención do pago por número de xeradores en vez de potencia, o máis lóxico parece que se pague por potencia, como teñen reiterado Ventonoso e Unións Agrarias nestes anos, non pola ocorrencia da “altura”, como pretende agora regular a Xunta. Do mesmo xeito, debería de darse un reparto de reinvestimento máis equitativo cos concellos realmente afectados polo parque, e non seguir co 75% do importe deste canon, como ingreso propio da Xunta con mero afán recadatorio e sen repercutir nas áreas afectadas.

En todo caso, fronte aos parches que supoñen cambios puntuais na Lei eólica de Galicia 8/2009, tanto a asociación eólica como a organización sindical propoñen que se redacte unha nova Lei eólica de Galicia, con amplo consenso e participación dos actores implicados, onde se incorporaría unha regulación de distancias mínimas de 500 m a vivendas illadas, explotacións agropecuarias e das construcións nos solos urbanos non delimitados. Así mesmo, teríase que incorporar nesta Lei a posibilidade de aumentos de potencia nas zonas en repotenciación (excepto en Rede Natura) de forma que se evitase estender innecesariamente o impacto a novas zonas eólicas, evitándose así perdas de rendas aos propietarios nas zonas onde xa hai parques instalados e a ocupación de novas zonas virxes actualmente sen impacto eólico.

Asemade, propoñen que a regulación do canon eólico vaia pola potencia instalada, ou ben como porcentaxe da base impoñible do importe da venda da enerxía xerada.
De igual forma, as compensacións aos habitantes das zonas afectadas primaríanse nos procedementos de autorización dos parques, como por exemplo coa creación de comunidades enerxéticas financiadas polos operadores, que contan actualmente cun radio de acción de 2 km.

Tamén se darían prioridades a aqueles proxectos con acordos de subministro de electricidade tipo PPAs, entre os promotores e empresas de proximidade asentadas en Galicia, e nas chamadas “zonas de aceleración” deberíase contar cun amplo consenso cos propietarios e afectados, a fin de evitar posteriores conflitos na tramitación que poderían xerar situacións de inseguridade xurídica

Tanto Unións Agrarias coma Ventonoso remataron a súa intervención apelando ás administracións pertinentes a cumprir a lexislación actual e a mellorar a lei existente para evitar prexuízos en zonas actualmente moi tensadas polos parques existentes.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias