UNIÓNS AGRARIAS FAI BALANCE DOS DAS CONSECUENCIAS ECONÓMICAS UN MES DESPOIS DE ‘KIRK’ QUE TAN SÓ NA PROVINCIA DA CORUÑA ASCENDEN A 25 MILLÓNS DE EUROS

Considera ademais, que a falta de forraxe vai incrementar os custos de alimentación, nun contexto pouco favorable economicamente, derivado dos prezos á baixa do leite

A Coruña, 8 de novembro de 2024.- Unións Agrarias analizou, en roda de prensa, o estado das explotacións agrarias de Galicia tras o paso do ex-furacán Kirk, o pasado mes de outubro, que levou por diante a colleita de millo para forraxe cando se atopaban en plena campaña de ensilado. Unha situación xa de por si mala para os gandeiros do noso país, pois ós custes engadidos desta inclemencia meteorolóxica hai que sumarlle a tendencia que continúa á baixa nos prezos do leite galego, o que provoca que as explotacións gandeiras vexan minguados notablemente os seus beneficios, podendo apenas cubrir os custes de produción.

Dende a organización amosan a súa preocupación e indignación polas prácticas que están levando a cabo nos últimos meses as industrias lácteas co sector galego, nun contexto europeo onde os prezos, lonxe de baixar mostran unha continua liña ascendente, impulsada pola boa cotización das graxas do leite e as manteigas. A día de hoxe, un gandeiro galego cobra 14 céntimos menos que hai un ano.

“Se os gandeiros galegos cobraran o mesmo que cobran os gandeiros españois, significaría que nestes doce últimos meses terían no seu peto 127 millóns de euros máis”, lamentan dende UUAA. E é que, se se fai unha extrapolación das cifras, os gandeiros coruñeses están a deixar de percibir case 56 millóns de euros, pois de todo o leite que se produce en Galicia, o 44% do total ten orixe nesa provincia. Unións Agrarias lamenta que dende a administración non se activen mecanismos para tentar reducir a diferenza nos prezos, e en segundo lugar, instan á Xunta de Galicia a que apliquen a Lei de Cadea Alimentaria, o que sería moi beneficioso para os produtores.

Por outra banda, os danos causados no agro, derivados do temporal ‘Kirk’ poñen de manifesto a necesidade de protección do sector agrogandeiro por parte da administración pública, nun ano terrible para o cultivo de forraxes como está a ser o 2024, no cal se adiou a sementeira do millo por causa das choivas primaverais, o que provocou que madurase máis tarde. Como consecuencia, o retardo no ensilado, que chegou ata o mes de outubro fixo que a irrupción da borrasca ‘Kirk’ causase danos críticos no agro, sobre todo nas comarcas máis occidentais da provincia coruñesa, o que encareceu os custes de maquinaria. Todos estes atrancos resultarán nun produto de peor calidade.

Asemade, Unións Agrarias teme que a falta de forraxe faga medrar a especulación de cereal para o vindeiro ano, polo que insta á Xunta de Galicia a que xestione as axudas pertinentes, e sobre todo a necesidade dunha central de compras que regule os prezos do millo no mercado. “Se estamos a falar de 25 millóns de perdas vai ser unha cantidade considerable de cereais os que se van a necesitar para alimentar ós animais”, sentencian desde a organización.

Unións Agrarias recorda que o millo ensilado supón o 60% da alimentación nas granxas, do que cada vaca come 35 kilos ó día. En síntese, dende Unións Agrarias cifran un gasto, só na provincia da Coruña, de 81 millóns de euros en forraxe, repartidos nas máis de 45 mil hectáreas de superficie cultivada. Este ano os gastos na recollida do millo tralo paso de ‘Kirk’ triplicáronse con respecto ó ano anterior, e as perdas totais foron de arredor dos 25 millóns de euros.

Por outro lado, a organización sindical lamenta que os gandeiros non poidan cobrar as indemnizacións dos seguros polas perdas causadas polo temporal, xa que cobren apenas o 16% do cereal perdido, no que preto do 80% non van a percibir ningunha prestación económica, polo que Unións Agrarias exhorta de novo ás administracións a axudar a paliar os prexuízos económicos causados polas inclemencias do tempo.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias