Santiago, 14 de novembro de 2024.- Unións Agrarias pide que se agrupe o orzamento previsto para os anos 2024 e 2025 que financia os Plans de Mellora das explotacións, a fin de poder dar resposta ao volume de solicitudes presentadas nesta convocatoria. Fronte a unha dispoñibilidade orzamentaria prevista similar á do exercicio anterior, son mais de 2.000 as peticións que concorreron dende a data que se abriu o prazo, o que deixaría fóra prácticamente ao 90% dos expedientes. Unha situación que suporía expulsar a moitos dos mozos e mozas que quixeron emprender na actividade agrogandeira. Este escenario supón un balde de auga fría para unha xeración que comezou con ilusión e incentivos económicos por parte das administracións e que agora pode ver denegada a solicitude para poder poñer en marcha a súa granxa, nun sector xa de por si complicado, onde se necesita moito esforzo e ilusión para saír adiante.
Na liña da preocupación manifestada polo Goberno galego respecto do envellecemento da base produtora, e que se concreta en que nos próximos dez anos dous de cada tres gandeiros se xubilarán, Unións Agrarias propón que logo de concentrar os orzamentos 2024/25 se habilite unha nova partida no Plan Estratéxico da PAC de España (PEPAC), en base aos fondos que non tiveran execución, para programar unha nova convocatoria de Plan de Mellora. Con isto, evitaríamos deixar atrás a moitos solicitantes e aforraríamos tempo e burocracia, evitando unha nova tramitación de expedientes.
Os principais damnificados polo rexeitamento de expedientes na presente convocatoria van a ser tres activos especialmente sensibles para o sector primario polo impacto que teñen sobre o territorio e a demografía, as granxas de vacún de carne situadas en zonas de montaña e con incorporacións novas.
As axudas para mellora de explotacións e incorporación de mocidade á actividade agrogandeira representan unha inxección económica vital, non só para o potenciamento do sector agrogandeiro galego, senón tamén polo pulo que supoñen para moitísimas pequenas empresas de servizos e construción radicadas en pequenas vilas, para as que as obras nas granxas supoñen un dos principais motores de aceleración da súa actividade.
Nos planas de Mellora, a Xunta e o Ministerio só aportan o 21% do orzamento. O resto da partida corresponde a financiamento europeo.